De operario de zonas verdes a escritor de novelas premiado

La Voz OURENSE

OURENSE

Óscar Guzmán con un ejemplar de su primera novela
Óscar Guzmán con un ejemplar de su primera novela Santi M. Amil

O ourensán Óscar Guzmán gañou o Premio de Novela Vilar Ponte

28 nov 2023 . Actualizado a las 08:44 h.

«Unha obra que destaca pola súa habelencia para espellar un mundo de intrigas que nos convida á investigación por parte da Policía Nacional dunhas mortes producidas en estrañas circunstancias, que han levar a trama na súa resolución por terras ourensáns e do norte de Portugal». «Escrita con grande oficio e coñecemento da realidade policial e dos opacos territorios da delincuencia das pequenas mafias, esta novela achega tamén un mosaico de fascinantes personaxes que se complementan para debuxar un acabado fresco das túrbidas esferas do delictivo». Deste xeito se refería este luns o Concello de Viveiro en relación ao orixinal Pero... Como morren as pegas?, o título que o xurado escolleu como gañador do quinto Premio de Novela Vilar Ponte. O galardón será entregado o próximo venres, día 1, nun acto que se desenvolverá no Teatro Pastor Díaz de Viveiro.

E de quen é a novela que se levou o Vilar Ponte deste ano? Dun autor que se reivindica a cada nova entrega e que compaxina o seu traballo como operario de mantemento e conservación das zonas verdes da provincia —na súa condición de personal da Deputación— coa súa paixón literaria: Óscar M. Guzmán. Na casa dos Guzmán Falcón son moito de premios e de títulos literarios: a súa filla Alba leva colleitado unha morea deles —antes de conseguir o Xuventude Crea de Novela Curta por Xoaniña de Deus xa levaba unha ristra de galardóns e recoñecementos— e o pai acaba de conseguir o Vilar Ponte de Novela que lle concedeu un xurado formado por Carlos Nuevo Cal, Armando Requeixo e Monserrat Dopico González.

A Óscar Guzmán sempre lle chamou a escrita e foi apañando historias que nunca chegaba a escribir. A pandemia, e as moitas horas de traballo en solitario por mor das medidas derivadas da mesma, foi a que o animou a pór negro sobre branco para dar a coñecer o que quería expresar.

 Cita en Esgos

A súa primeira novela, Os segredos de Teresa, está ambientada —entre outros lugares— no mosteiro de San Pedro de Rocas. O libro vai pola terceira edición e o autor participa esta tarde, ás seis, nunha conversa na Biblioteca de Esgos.