A Xunta destaca o potencial para o rural do proxecto Aldealista de San Xoán de Río

La Voz OURENSE

OURENSE

La conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo (segunda pola esquerda), visitou o proxecto Aldealista en San Xoán de Río
La conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo (segunda pola esquerda), visitou o proxecto Aldealista en San Xoán de Río Cedida

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade valorou a dinamización que supón a iniciativa

10 dic 2023 . Actualizado a las 19:27 h.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, visitaron este sábado a aldea do Castiñeiro, en San Xoán de Río, onde coñeceron o proxecto Aldealista da man do seu fundador, Juan Carlos Pérez. Trátase dunha iniciativa que pon en contacto usuarios con áreas rurais adaptadas aos seus perfís e que é un exemplo de innovación recoñecido pola Xunta. Na visita tamén estivo presente o alcalde do municipio ourensán, José Miguel Pérez.

Os representantes autonómicos puxeron en valor esta iniciativa que avoga por revitalizar as aldeas. Utiliza unha aplicación móbil que pon en contacto particulares con estas localidades de menos de 5.000 habitantes, para que poidan coñecelas e, nun futuro, de ser o caso, desenvolver o seu proxecto vital nestas zonas. Contribuindo, desta forma, ao seu desenvolvemento dixital e económico.

A Xunta quere aproveitar o potencial de crecemento das contornas rurais a través do despregamento da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, que conta na actualidade con doce centros activos. Tres deles están na provincia de Ourense (Verín, O Barco de Valdeorras e O Carballiño) ao que se sumará en breve un cuarto que estará situado en Baños de Molgas. A iniciativa, lembrou Rivo, vén de espertar o interese da Comisión Europea como modelo a replicar noutros países da Unión.

O Goberno galego tamén quere dar cabida na comunidade a nómades dixitais ou profesionais en remoto a través de espazos co-living, que engaden aos servizos de coworking a posibilidade de residir nestes lugares de xeito temporal. O obxectivo desta iniciativa, explicou Elena Rivo, é seguir dinamizando o rural galego, xerando actividade económica dun modo sustentable.