Xosé Lois Carreira: «Quería honrar a Olimpia Valencia como pioneira e por ser de Baltar»

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Xosé Lois Carreira xunto á escultura de Olimpia Valencia
Xosé Lois Carreira xunto á escultura de Olimpia Valencia ALEJANDRO CAMBA

A escultura instalarase no centro de saúde de Vigo que levará o seu nome

24 dic 2023 . Actualizado a las 20:41 h.

Sempre fiel ás orixes Xosé Lois Carreira (Parada de Ribeira, Xinzo, 1971) traballa no obradoiro que creou no seu pobo de nacemento. Non é doado neste tempo de invernía —«O outro día estivemos a dez graos baixo cero»— mais o escultor está afeito e vaille dando forma aos proxectos que xa ten a piques de rematar e aos encargos pendentes. Vive un momento de satisfacción persoal por ver como xa é realidade unha idea que lle andivo dando moitas voltas na cabeza, que afastou por momentos para non matinar en exceso na mesma, e que podería instalar mañá mesmo se fose preciso. Aínda que el vaille dando voltas neste tempo para que marche de Parada de Ribeira lucindo como se merece.

—Como naceu a iniciativa de crear unha peza en memoria da primeira médica galega?

—Andaba coa idea de recuperar e facer unha homenaxe a Olimpia Valencia polo feito de ser pioneira no seu campo e por ser orixinaria de aquí da comarca, concretamente de Baltar, que está á beira. Tiven a iniciativa un pouco aparcada e cando se lle comezaron a facer as homenaxes en Vigo decidín recuperala.

—A escultura é un encargo do Concello da cidade?

—Para nada. Tampouco é un concurso ao uso. Presentei a proposta ao CGAC —Centro Galego de Arte Contemporánea— e amosaron interese na mesma. A partir de aí, iniciouse o traballo co financiamento de tres consellerías: Cultura, Igualdade e Sanidade.

—A peza instalarase en Vigo?

—Si. No barrio de Coia están remodelando un edificio —que antes acollía xulgados— para crear no mesmo un centro de especialidades que levará o seu nome. O acceso vai contar cun espazo moi amplo e alí será onde estará.

—Cales son as características da peza?

—Esta Olimpia Valencia ten case tres metros de alto. É unha escultura sedente que lembra ás celtíberas das mesmas características que foron atopadas aquí no ano 1971 e que levan medio século agochadas no Museo Arqueolóxico de Ourense. Pesa sobre unhas quince toneladas e está feita ao xeito clásico, en granito silvestre dunha canteira de Baltar.

—Cando estará rematada?

—Practicamente xa está. Agora vai madurando e voulle retocando algún detalle ou texturas. En principio cóntase con instalala nun ano ou, como moi cedo, despois do verán.

—Segue a traballar ao vello estilo?

—O meu é crear pezas de granito, feitas a man e ao xeito da cantería tradicional.

—Sempre a pedra?

—O granito é un material moi bonito, moi potente e ao que é moi difícil entrar. Témolo tan coñecido e tan trillado que non lle damos aprecio. É magma puro. A madeira e o bronce son máis doados de traballar —materiais que te axudan moito para sacarlle a parte que queres—, pola contra o granito non che regala nada, hai que gañar centímetro a centímetro e poucas veces che dá algo. É basto, pero estou contento con el e somos amigos de toda a vida.

—A escultura Nexus marcou un punto de inflexión na súa carreira?

—Non. Bueno, si, pero en diferido. Cavilaba en que ter unha obra como esa na entrada de Ourense ía ser unha gran promoción e que se multiplicarían o traballo e as encargas. Para nada. Co tempo si que funcionou e foron chegando pedidos de xente que a viu e considerou o meu traballo. É dicir, de entrada non foi o que agardaba pero seguen entrando proxectos grazas ao Nexus de Ourense.

—Ten unha pantalla en Xinzo e un cigarrón en Verín. Pechará o triángulo máxico do entroido?

—Non é algo no que cavilara ou que me plantexase. Pero non estaría mal crear unha escultura do peliqueiro para Laza.

—As propostas das administracións son as que xeran a maior carga de traballo?

—Vai por temporadas. Mesturas iso co que fas para particulares. Agora mesmo estou cunha peza moi potente para unha vivenda unifamiliar en Madrid. Á persoa que ma encargou gústalle o meu traballo e xa levamos tempo co proxecto, de feito xa elaborei unhas vinte maquetas. Tamén hai xente que vén por aquí e merca unha peza que lle gusta. Hai anos de moito traballo e outros de menos, e unha cousa vai compensando á outra.

 

«Ibarrola era extraordinario, unha persoa humilde, receptiva e encantadora»

O escultor de Xinzo compaxina a súa faceta creativa de grandes obras en pedra con proxectos solidarios ou coa participación en iniciativas vencelladas co territorio. Del é a peza coa que se distingue aos galardonados co premio Pedra Alta na Limia. Un traballo que realizou de maneira desinteresada para o colectivo que convoca os galardóns.

—Hai pouco máis dun mes que morreu Agustín Ibarrola. Vostede traballou con el no Rexo. Como lembra aquela experiencia?

—Como unha marabilla, como un fermoso conto nunha noite de San Xoán. Eu formeime en Euskadi e coñecía a aqueles xenios que estaban no chamado Grupo Gaur e que eran os grandes escultores daquel momento: Chillida, Oteiza, Ibarrola... E de repente estaba alí cun deles. Había un ano, ou pouco máis, que rematara Belas Artes cando me chamaron para dicirme se quería colaborar no proxecto de Allariz. Unha loucura!

—Que recordos garda?

—Os mellores. Foi unha experiencia única a de estar con alguén que te embruxaba e que era un auténtico sabio. Un xenio. Ibarrola era extraordinario, unha persoa humilde, sinxela e encantadora. Sempre receptivo e escoitando as cousas que lle propoñías. Unha pasada! Para min foi unha mestura de pai, mestre, druída, avó... A do Rexo é unha experiencia que vivín intensamente.

—No 2007 fixo unha gran exposición no Museo Municipal de Ourense. Agás unhas pequenas pezas, eran cadros de gran formato. Abandonou a pintura?

—Non, é algo que sempre está aí e fas cousas. Mesmo traballos por encargo cando se dá o caso. O que si está claro é que co paso do tempo fun descubrindo que realmente o escenario que me resulta máis gratificante é o do traballo coa pedra, o diálogo co granito para crear as esculturas.

Das Xornadas de Banda Deseñada á docencia da talla en madeira en Verín

Xosé Lois Carreira López é un fillo da emigración. Da Limia marchou cos seus pais para Euskadi cando aínda non cumprira os catro anos. En Bilbao licenciouse en Belas Artes e sempre tivo claro que o seu era retornar: «Víñenme ao rematar a carreira, un ano antes que os meus pais».

O de Parada de Ribeira implicouse no movemento cultural e artístico do Ourense daquel tempo. A caricatura, os obradoiros de banda deseñada e outras manifestacións creativas foron o seu terreo de iniciación. Desa época garda moi bos recordos. «Naqueles anos había un fervedoiro creativo. As Xornadas de Banda Deseñada eran algo único e a figura de Benito Losada foi irrepetible. Como te alentaba, como te axudaba e te guiaba para dar o mellor de ti. Naquel tempo el e José Manuel Rubín foron os que me apoiaron para ir iniciando a miña traxectoria profesional», asegura.

Hai ben anos foi un dos principais promotores dunha feira creativa e cultural para a provincia de Ourense. O proxecto estaba chamado a desenvolverse en Expourense, mais finalmente non saíu adiante aquel Crea que apostaba por facer da cidade un punto de referencia no sector artístico e cultural. «En principio contabamos co apoio de Expourense, pero logo empezaron a pór problemas as institucións con cuestións como a montaxe, os seguros e moitos outros aspectos e non chegou a nacer a feira Crea. Logo xa empezaba Belas Artes en Pontevedra —de feito xente que me deu clases a min en Bilbao viñeron para aí— e xa se centralizou todo alí. Foi unha mágoa porque creo que era unha proposta moi interesante».

Carreira compaxina a súa actividade creativa en Parada de Ribeira coa docencia. Imparte clases na Escola de Artes e Oficios de Verín. Alí non lle dá á pedra. «Son profesor de talla en madeira. Trátase dun centro con docencia regrada, son catro anos, e os alumnos saen coa carta de artesán». Foi, de sempre, un fixo nas reivindicacións sociais e políticas. E en Xinzo foi concelleiro do BNG. Das súas reflexións dedúcese que a experiencia na política activa podería ter sido mellor. Non se bota da parte de fóra: «Agora temos xente moi activa e vanlle dar problemas ao actual goberno».

Quen son.

«Unha persoa que ten unha fe cega no poder transformador da arte para cambiar a realidade e as cousas, sobre todo as malas. E ao mesmo tempo alguén que aborrece enormemente a primeira persoa e os egos desmedidos, así como a falsa modestia. Polo tanto, que falen dun os feitos e as obras. Eles xa darán boa conta, con luxo de detalles, desta aventura de bater forte nas pedras»