Carlos Ares: «O boi é o animal simbólico con maior presenza nos entroidos ourensáns»

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Carlos Ares
Carlos Ares Miguel Villar

O vianés recolle nunha publicación a tradición e os mitos da festa

12 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Ourense anda metida en carreiras, desfiles e celebracións para correr o entroido. A festa preferida polos veciños da provincia, como se demostra cada ano cando os concellos teñen que escoller os festivos locais. Hai xa tempo que comezou a recuperación dos personaxes singulares que se foran perdendo e os ourensáns gozan dun dos mellores e máis variados ciclos da festa de despedida da carne. Carlos Xabier Ares Pérez (Viana do Bolo, 1971) é unha das persoas que leva anos investigando todo o relacionado co entroido. Percorre os lugares, anda á procura de documentación e datos, conversa cos protagonistas e tira das lembranzas dos maiores para ir apañando todo aquilo que lle poda servir para desenvolver os seus proxectos. No ano 2019 o seu traballo Festividades de inverno na provincia de Ourense: máscaras, personaxes e rituais foi recoñecido co Premio Risco de Ciencias Sociais. Agora vén de presentar O animalario do entroido galego. Mito e tradición (AB Origine Edicións).

 —Como naceu a iniciativa que deu orixe ao libro?

—Levo moitos anos investigando sobre a festa, ademais de vivila de pequeno, e de feito é o apartado no que máis traballo teño desenvolvido co campo da etnografía. Un dos aspectos que me chamou a atención é a presenza dos animais no entroido, tanto en Galicia como en todo o mundo: Europa, África, Estados Unidos... e daquela decidín estudar esa realidade no noso caso.

—Cantos catalogou?

—No libro como tal aparecen dezasete animais. É dicir, centro o traballo nos que teñen unha presenza destacada como o oso, as formigas, a vaca, o boi e outros. Obviamente poderíase ampliar con outros datos: lobos, mouchos, cans, etcétera, aparecen nas pantallas, hai plumas de pavo nas máscaras, córvidos ou reptiles tamén aparecen por aí. Daría para moito, aínda que o que se trataba era de centrarse nos que teñen un protagonismo desatacado.

—Cal é o máis representativo?

—O boi é o animal simbólico con maior presenza nos entroidos ourensáns, sen ningún xénero de dúbida. Simboliza a forza. E vai asociado ao sol —que fai referencia á desaparición do inverno e a chegada da época de florecer—. É moi representativo do oriente ourensán. O gando vacún e os équidos tamén contan cunha presenza destacada. A vaca —a morena ou a marela por exemplo— representa o alimento e está moi presente.

—O oso estase recuperando.

—Está presente no Macizo Central, Bolo, Salcedo, Sande e outros lugares. As súas circunstancias son as que lle dan o papel protagonista: esperta e sae da súa hibernación, o que sinala o fin do inverno e a chegada da tempada dos froitos.

—As formigas xa están preparadas en Laza.

—Curiosa presenza. Laza, A Veiga, Bolo, Parada de Sil antigamente. É un animal asociado á agricultura e ten moito sentido, porque son as que van esparexendo as sementes para que xerminen.

—A tradición foi garantindo a preservación do protagonismo deste animalario?

—Os costumes e os ritos foron manténdose no tempo e iso fai que podamos aínda gozar desta riqueza. Seguramente en moitos dos lugares non haberá constancoa ou explicación da orixe, e faise por tradición, pero todo ten unha explicación.

—Logo do traballo premiado pola Risco publicou na súa canle de Youtube «320 personaxes das festas da invernía ourensá».

—Si. Teño localizados máis de 360, só da provincia de Ourense, que é a máis rica de Galicia neste apartado. As 320 personaxes corresponden a 54 concellos e cada unha levaba unha lámina coa imaxe e os datos do municipio. Nalgúns casos tiven que recrealo tomando como base os datos recollidos no traballo de campo. Temos unha riqueza e un ciclo importante, porque nalgúns lugares xa saen o primeiro de xaneiro. E logo en Reis, San Antón e San Sebastián. Despois xa chega o entroido.

«A próxima obra centrarase no patrimonio inmaterial de Viana do Bolo»

Carlos Ares é diplomado en Graduado Social pola USC, cursou estudos de Antropoloxía Social e é membro da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA). Compatibiliza a súa faceta profesional con estudos sobre temas de etnografía. Publica traballos e artigos en varias revistas, anuarios e boletíns. Desenvolve unha ampla faceta no terreo audiovisual, con traballos específicos para a súa canle, e promove iniciativas e proxectos culturais. É membro da Fundación Carlos Casares e sobre no 2023 organizou en Nigrán a primeira gala Carlos Casares, no camiño das artes. 

—O escritor tivo o seu primeiro destino no seu pobo.

—Sobre esa circunstancia fixen algún traballo e no meu primeiro libro, Ilustres de Viana, aparecía Carlos Casares. 

—Mantén a relación coa orixe?

—Teño desenvolvido varios traballos sobre o meu pobo, e a contorna, e a miña próxima obra volverá a Viana. Centrarase no patrimonio inmaterial e recollerá lendas de tradición oral, xeografías míticas —pedras, cobas e lugares—, festividades, costumes, entroido, contos, refráns, frases feitas e outros materiais. Conto que para o verán, como moi tarde en Nadal, estea publicado.

—En que centra os audiovisuais?

—Principalmente en aspectos de patrimonio e etnografía, e en encontros nos que participo. Son pezas que fago para a miña canle de Youtube. Se pasados os anos lle valen a alguén como documentación o serven para coñecer algo do que non sabían xa me dou por satisfeito.

—Tamén ten actividade como músico.

—Xa comecei en Viana. É o legado de meu avó materno. Nun principio foi a gaita —cos mestres que mandaba a Deputación— e dende hai anos é o clarinete. O meu fillo toca o oboe na banda de Vincios (Gondomar).

Quen son.

«Un defensor da nosa cultura que quere loitar para preservala, que se manteña no tempo e que sexa respectada e valorada. Penso que Galicia é un país enormemente rico a nivel de tradicións e síntome na obriga de traballar para que iso teña visibilidade».