Romasanta, o maior asasino en serie de Galicia, volve ás librarías nun cómic de Fernando Llor e Ismael Canales

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Fernando Llor, á esquerda, é o guionista da novela gráfica sobre Romasanta
Fernando Llor, á esquerda, é o guionista da novela gráfica sobre Romasanta XOAN CARLOS GIL

Dolmen Editorial publicou a novela gráfica «Los sueños del lobo»

24 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A historia de Manuel Blanco Romasanta segue a ser un argumento que xera novas iniciativas e proxectos en moitos frentes. Libros, películas, documentais, xornadas e exposicións son algunhas das iniciativas que se teñen centrado na figura do asasino de Regueiro (Esgos) que chegou a ser coñecido no seu día como o Lobishome de Allariz —localización xeográfica engadida no seu día por ser nesa vila onde foi xulgado—.

Un novo achegamento aos feitos históricos vén de chegar ás librarías da man de Dolmen Editorial. Los sueños del lobo é unha novela gráfica de Fernando Llor e Ismael Canales, guionista e ilustrador da obra respectivamente. A publicación céntrase no ano 1853, cando Romasanta está sendo xulgado como o asasino en serie máis sanguento da historia do país: ata trece mortes son as que se lle atribúen. A vista complícase ao argumentar o acusado que cometeu os crimes como froito dunha maldición que o transforma nun home lobo sedento de sangue.

 

A espectacularidade do caso fai que teña repercusión internacional. Dende Arxel un home extrano que di ser experto nos misterios da mente remite unha carta a mesma raíña Isabel II ofrecendo os seus servizos. Asegura que pode entrar na mente de Romasanta e averiguar o que o levou a cometer feitos tan graves; mesmo é capaz de curalo. Para iso solicita ter encontros privados co acusado. A historia deses encontros é o que protagoniza Los sueños del lobo.

Fernando Llor (Vigo, 1982) leva desenvolvido unha ampla carreira profesional. Ten sido guionista e director de curtametraxes, impartido clases en O Garaxe Hermético e desenvolvido formación na rede sobre técnica de guión de historieta. No 2019 conseguiu o premio José Sanchis Grau ao Mellor Guionista Nacional. Ten publicado con varias editoriais e as súas obras tamén se editan en Francia e Estados Unidos.

«Un compañeiro guionista comentoume no seu día que Dolmen traballaba nunha serie que ía ser unha especie de crónica negra vista dende unha perspectiva diferente. Mandei unha proposta sobre Romasanta, que foi unha figura que sempre me fascinou. Pasou o tempo sin ter novas, pero finalmente saiu adiante o proxecto e quedei moi contento porque o traballo do debuxante Ismael Canales é marabilloso», sinala Llor.

Recoñece que a historia segue a ser atrainte: «É unha figura que mantén o seu atractivo e que un argumento para calquera guión, escrita de ficción ou proxectos semellantes que se queiran desenvolver. Na obra centrámonos en todo o tema procesal, la implicación persoal da raíña Isabel II —que o libra da pena de morte—, o tema da ignose, a intersexualidade... para min existe o que chamo unha cuestión Romasanta que aínda pode dar moito de si», apunta o guionista vigués.

Na novela gráfica de Dolmen o interese céntrase no que puido ser o contido dos encontros entre o asasino e Míster Phillips, quen se ofreceu á raíña como doctor que xa coñecía os efectos dunha especie de enfermidade natural chamada licantropía. Todo iso co xuízo a Romasanta como telón de fondo.

Los sueños del lobo figuraba nas novidades de Dolmen de xaneiro deste ano e Fernando Llor recoñece a súa satisfacción polo resultado do proxecto. «A obra necesitaba un traballo como o realizado por Ismael Canales. O branco e negro e o tratamento que lle deu á historia era o axeitado para abordar o que aconteceu cuns feitos como os protagonizados por Manuel Blanco Romasanta», sinala o guionista da novela gráfica sobre o asasino.

 Novidade editorial.

Lobishome

Dolmen recupera a historia de Manuel Blanco Romasanta grazas a un guión do galego Fernando Llor, ilustrado por Ismael Canales. A historia centra o seu protagonismo nas conversas do asasino con Míster Phillips e no que se puido ter falado nas mesmas. Fai agora 95 anos, en febreiro de 1929, Vicente Risco lía o seu discurso de entrada na Real Academia Galega. «Un caso de licantropía», que así se titulaba, estaba centrado en Romasanta.