A crúa realidade

Juan Casares MEDIDA DAS COUSAS

A ARNOIA

05 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Contemplaba extasiado a paisaxe do Ribeiro desde a fiestra da casa. O Coto de Novelle, noutro tempo elemento maxestoso e inspirador de patriarcas, seguía como sempre alí, ben chantado na intersección entre as terras da Arnoia e de Leiro, erguéndose historicamente no papel de verdadeiro señor da comarca. O cadro que vía presentábase con todo o esplendor do outono, a estación galega por definición, a súa estación preferida. A néboa levantaba por momentos coma unha columna de fume que saía do chan; a terra mantiña a súa lentura e reflectía, case coma un espello, o pouco sol que se lle achegaba. Os homes entraban e saían das adegas repetindo un cerimonial secular aprendido en leccións anuais impartidas sen texto nin manual. As viñas semellaban aqueles bodegóns que mirara había anos nunha exposición en Ourense; lenzos pintados cunha palleta de cores verdes, amarelas e vermellas que xogaban a representar unha verdadeira orxía vexetal. Adoitaba procurar esa vista coma elemento de descanso no traballo; relanzo e preparación dun novo treito do camiño diario. Ese día matinaba nas súas preocupacións e na lea na que se metera cando recibiu aquela chamada de Madrid agardada de xeito franciscano por aquelas datas. Outro cerimonial de clínicas e consultas; unha mestura de medos e esperanzas; unha ecuación de incógnitas por despexar cada ano. Un baño de realidade que lle fixo caer na conta de que, a forza de procurar facer ben o seu traballo e preocuparse por orgullos alleos, estaba a piques de esquecer a súa verdadeira obriga: atender o máis achegado.