«Os concellos céntranse nos servizos e esquecen que teñen outros reclamos»

Fina Ulloa
fina Ulloa OURENSE / LA VOZ

A GUDIÑA

Santi M. Amil

Deseñou varias rutas para dar a coñecer recursos turísticos en Conso-Frieiras

13 mar 2017 . Actualizado a las 19:09 h.

Ángeles Coello sempre quixo ser arqueóloga; pero, ó contrario do que se pode imaxinar, non porque tivese a idea romántica de verse coma unha aventureira de película, perdida entre dunas exipcias buscando en tumbas faraónicas ou cortando lianas nas selvas americanas para atopar a pegada perdida dos reinos incas, aztecas ou mayas. O pasado que ela quería, e quere, perseguir está moito máis preto. Tal é así que decidiu facer o seu traballo de fin de máster indagando sobre nos recursos históricos da zona de Conso-Frierias, á que está ligada polos antergos familiares. Muller cos pes ben plantados no chan da realidade, non se conformou co estudo deses restos, senón que deseñou tres rutas para convertelos nun atractivo para os turistas.

-¿Cómo se lle ocorreu?

-En realidade empecei co traballo de fin de carreira, investigando sobre os poboamentos en época antiga e a minería, intentando relacionar os xacementos coas explotacións. Utilicei datos e rexistros documentais e visitei os puntos coa axuda de José Cruz, que é un etnógrafo local que ten recopilada moita información da zona. Cando fixen o máster decidín que todo ese patrimonio podía darse a coñecer de algunha maneira e adaptalo, si era posible, ó turismo. A Gudiña é un punto de paso importante, pero a xente limítase a repostar na gasolineira e, se acaso, comer un bocadillo ou un churrasco e seguir camiño. Se lles podes ofrecer un percorrido que os leva a coñecer castros, muíños, minas, patrimonio relixioso e pobos con unhas paisaxes incribles, posiblemente se animen a que esa parada rápida se converta en algo máis.

-¿Cree que esas rutas que deseñou chegarán a materializarse?

-O que eu fixen é só unha base para que se podan materializar, pero iso depende, loxicamente, das administracións. No caso de A Gudiña están ao tanto do traballo, saben que existe porque me puxen en contacto co concello e co alcalde cando o estaba facendo. Este tipo de investigacións require que haxa ese contacto burocrático para poder ver e acceder ós depósitos. Pero oficialmente non llo presentei. Que isto sexa un proxecto real depende deles e de que se poda facer algunha inversión para, por exemplo sinalizar as cousas ou rescatar elementos como o forno. De tódolos xeitos, e falo en xeral, os concellos deben impulsar que se fagan estudos sobre os seus recursos porque á larga as inversións para polos en valor poden reportar moito máis o dinamismo económico da zona e axudar a fixar poboación. As veces as administracións céntrase moito en potenciar servizos pero esquecen que teñen reclamos patrimoniais que poden ser importantes.

-¿Pensa que hai outros municipios no mesmo caso, con recursos que poderían ser aproveitados?

-Estou convencida de que si. No caso de A Gudiña, a xente coñecen o que hai, aínda que non sexa en moita profundidade. Moitos incluso sabían lendas que nos contaron. Pero a valoración que cada un ten deste tipo de patrimonio común depende sempre da formación persoal, que non ten tanto que ver co académico como coa educación que ti recibiches cara o teu entorno.

-¿E opina que existe un aprecio polo propio nas novas xeracións?

-Persoalmente penso que a formación que recibimos dende nenos, tanto de Historia como en xeral en ciencias sociais deixa moito que desexar. Depende moito do profesor, por suposto; pero xeralmente é así. Dificilmente podes espertar o interese se te limitas a dar unha recua de datos para memorizar. As veces non é culpa do mestre, que está dando unha materia que non é a súa nin lle gusta. Penso que a formación neste campo debería de adaptarse ás zonas nas que estás e ó público ó que te dirixes. Se estás a falar dos castros e pos un exemplo, non é o mesmo que a un rapaz de Ourense lle fales do de Baroña que que lle digas de San Cibrán de Las, que é máis probable que o coñeza e que incluso o podes levar alí.

«Non se coñece o que facemos, nin para todo o qué serve a carreira»

Ángeles está acostumada a dúas reaccións cando di a súa profesión. «Ou se entusiasman porque teñen esa idea da arqueoloxía tipo Indiana Jones, ou escoitas a típica broma de que é mellor que busques un enxeñeiro que te manteña. Eu tiven un profesor que intentou quitarmo da cabeza dicíndome que non ía gañar diñeiro, que era unha tolería», lembra. Opina que, en xeral «máis alá de dar clases ou traballar como investigadora en unha escavación falta coñecemento sobre o que se fai e para qué serve unha carreira de historia ou de arqueoloxía». «Cando fomos ó instituto na actividade para orientar sobre as distintas saídas de cada profesión, moitos sorprendíanse de que podamos traballar no deseño de videoxogos, en libros, en cómics, en películas, ou en obra pública», relata.