En galego para ser e existir

Noela Blanco OLLADAS DESDE OURENSE

A PEROXA

14 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Non me digan que nunca escoitaron eso de que «saber galego non vale para nada, o que importa é falar ingles», o que equivale a dicir que hai idiomas de primeira e de segunda. E iso en virtude de qué? Do seu número de falantes? Da superioridade lingüística, ética ou estética? Pero que non xoguen ao engano con milongas pseudointelectuais relativas á utilidade e eficiencia comunicativa, a realidade é que a nosa lingua cada vez se emprega menos porque se segue asociando en moitos círculos sociais con atraso e ignorancia, mentres que outras son sinónimo de desenvolvemento e cultura.

Será por eso polo que ata o propio Rajoy, cando fala da época na que viviu na nosa provincia, se refire aos seus anos de niñez en «Carballino»; ou porque todos os veráns cando as televisións falan das elevadas temperaturas con imaxe de fondos das termas, seguen poñendo o carteliño que indica que a conexión é en directo dende «Orense»; porque ata non hai moito tempo a revolución en torno ao galego se facía poñendo unha pegatina cun OU ben grande sobre a matrícula do coche; porque hai avoas que lle seguen dicindo por teléfono aos netos que están lonxe iso de «non fales en galego, non te vaian a escoitar»; ou porque o mesmísimo presidente da Xunta se expresa en galego con acento pechado cando en campaña electoral se reúne coa veciñanza de Os Peares, pero cando o fai co embaixador de Xapón e este lle fala en galego, prefire respostar en castelán. E con todo isto, aínda hai quen se sorprende cando os datos oficias nos din que unicamente o 31 % das ourensáns e ourensás emprega sempre a lingua propia para falar, porcentaxe que cae ata o 13% entre os máis novos.

Aínda que uns máis que outros, todos e todas por acción ou omisión, temos responsabilidade dos difíciles momentos que atravesa o nos idioma. Aínda estamos a tempo de darlle osíxeno e presumir del, porque díganme vostedes que lingua dá a posibilidade de empregar verbas tan fermosas coma aloumiño, rabudo, bolboreta, ou golfiño, ou aínda que sexa empreguémolo por unha cuestión de supervivencia, porque necesitamos que o galego siga vivo para ser e existir.