«Outras administracións non teñen colaborado con nós o que deberían»

María Cobas Vázquez
maría cobas O BARCO / LA VOZ

A RÚA

LOLITA VÁZQUEZ

A alcaldesa de A Rúa critica que o Partido Popular teña «o mal costume de usar as institucións de forma partidaria»

01 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O 24 de maio de 2015 o BNG conseguía tres concelleiros nas eleccións municipais, que sumaron votos aos tres do PSOE para facer alcaldesa a María González Albert, que este mes deixará o cargo para dar paso ao socialista Luis Fernández Gudiña, en aras ao acordo de goberno.

-Dicía entón que o resultado fora unha sorpresa, ¿que balance fai deste tempo?

-Foi unha gran sorpresa. O balance xeral é bo, espero ter aportado algo bo ao concello. Creo que fixemos un esforzo grande ao que ten que ver coa débeda, que non é o que máis se ve desde fóra, pero reducimos a débeda viva por debaixo da lei, estamos no 74%, non naquel 91 que había cando entramos. Iso impide facer moitas cousas, porque tes que priorizar. Conseguimos algunhas cousas. Aprobamos o PXOM despois de 15 anos, levamos a auga a Vilela, que é o gran tema municipal que nos preocupa moito. E despois quero pensar que fixemos un cambio na política cultural, e empézase a ver. Intentamos controlar o gasto nas festas de verán, e estase a facer un esforzo por ter unha programación cultural continuada, estable e con criterio, no centro cultural Avenida. E despois, que eu quero pensar que os veciños volven percibir o concello como un sitio no que poden vir pedir, aínda que hai cousas que non se poden facer. Pero tratamos de ser imparciais. -¿Que lle quedou pendente que pensaba ter feito?

-Recuperar o cine é unha necesidade, pero si ou si ten que ser coa colaboración doutra administración. É unha pena que un cine público perda capacidade de proxectar porque non ten os medios, e imos seguir traballando niso. A nivel máis de xestión interna do Concello, creo que é necesario facer unha RPT. Agora que terei máis tempo, empezarémola. Ver onde fai falta xente, onde non, o tipo de traballo de cada posto. Tamén queda o pavillón, que non dimos conseguido financiación para arranxar o tellado, seguiremos intentándoo coa Deputación, que nos dixera que nolo iba financiar, como coa Secretaría Xeral para o Deporte.

-Fai dous anos falaba de tres cousas fundamentais, aparte do PXOM, o acceso á N-120 e o novo centro de saúde...

-Sobre o centro de saúde, a miña proposta agora mesmo é facer unha permuta co centro de día. Propoño facer obra no centro de saúde actual para adaptalo a centro de día, porque ata 25 usuarios cumpre cos tamaños. É alí facer o centro médico. Temos un local, que foi un investimento moi importante, que está infrautilizado. Está pensado para máis de 60 usuarios e ten 13; o andar superior está pechado porque se apañan na planta baixa. Eu falei co conselleiro de Sanidade e non lle parece mal. Estamos intentando quedar co Consorcio de Benestar para falar diso. E sobre o acceso á N-120, é algo ao que Luis [Fernández] lle vai dedicar moito tempo. É o terceiro ano que aparece nos Presupuestos e non se executa, imos pensar que este ano por fin a van executar. E só é licitala, porque o orzamento está recollido.

-¿Que tal a relación coas outras administracións?

-As outras administracións non teñen colaborado con nós o que entendo que deberían. Temos conseguido subvencións pero de libre concurrencia, pero naquelas que precisamos doutras administracións, non houbo receptividade en xeral. Si da Consellería de Sanidade, para o centro de saúde, pero foi algo xeral en varios centros de saúde... e que senón non podía seguir funcionando.

-Estivo esperando un ano unha reunión co conselleiro de Sanidade, e agora leva tempo esperando poder falar con Baltar. ¿Sentiuse ninguneada?

-Hai departamentos cos que temos traballado moi ben, pero no que é a un nivel máis político, o PP ou membros do PP teñen o mal costume de usar as institucións de forma partidaria. Entendo que beneficien aos seus, pero os nosos cidadáns merecen o mesmo respecto e consideración. Pecan de ningunear a Concellos, non creo que teñan que ver comigo persoalmente. Xa non é que te reciban, é que falei co presidente da Deputación de tres proxectos, aos tres me dixo que si e ningún saíu, e vai para ano e medio. Dáme rabia, porque entendo que hai cousas ás que hai que dicir que non, porque non poden afrontar todas as actuacións, pero cando che din que si, debería saír. Non preciso reunirme co presidente da Deputación ou cun conselleiro todos os días, con que atendan aos concellos de forma igualitaria xa me vale. Coa Deputación temos unha débeda importante, porque en catro anos de goberno do PP non se fixo ningún pago; e nos levamos feitos moitos pagos porque entendemos que ten que ser así, pero non se ten en conta o esforzo que fixemos.

«Estou orgullosa do feito, pero si que dous anos é pouco tempo para estar na alcaldía»

María G. Albert di que non é o que máis loce na xestión, pero está contenta por ter reducido a débeda nestes dous anos que leva á fronte da alcaldía da Rúa de Valdeorras.

-¿Non lle dá mágoa marchar da alcaldía agora que podería verse máis a xestión?

-Pena no sentido de que agora temos unha certa capacidade económica de xestión, pero Luis vai seguir o traballo. Chegamos a un acordo de goberno e levamos dous anos de boa convivencia, non tivemos grandes enfrontamentos, máis ben ao contrario. Temos en termos xerais unha clara sintonía, aínda que hai cousas nas que nos distinguimos, senón iríamos no mesmo grupo. Penso que vai seguir sendo así. Si que din que os dous segundos din que son máis agradecidos. Eu estou orgullosa do feito, pero si que é pouco tempo dous anos. Seguiremos traballando nas áreas. E eu así tamén descanso, que foron dous anos moi intensos. -¿Haberá cambios nas áreas?

-Non creo, aínda non tivemos esas última reunión, pero non creo que haxa cambios. Eu ata agora estiven levando medio ambiente e cultura, e seguirei. Salvo que Luis queira algún cambio, seguiremos así.

-¿Cando renuncia?

-A única data que temos fixada é a do pleno no que toma posesión, que será o 24 de xuño. Eu teño que dimitir nos dez días anteriores.

-Perde a alcaldía e o salario, ¿que vai facer?

-Volverei ao meu traballo facendo pasteliños, volverei a Petiscos Doces encantada da vida. Si que será un cambio importante. Agora apetéceme descansar, pero supoño que o acabarei botando de menos. Pero, de todas formas, estarei moito no Concello porque a semana tereina libre, o meu traballo é máis de fin de semana e festivos.