Os concellos pequenos contan cunha rede de 37 bibliotecas públicas

La Voz DATA

ALLARIZ

l. v.

As vilas de máis de 5.000 habitantes dispoñen de instalacións con apertura diaria e personal especializado

02 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, comparecía recentemente na Comisión de Educación e Cultura do Parlamento para presentar o Mapa de Bibliotecas Públicas de Galicia. Entre as conclusións do documento figuran aspectos como que o maior nivel de carencias atópase en aspectos como a falta de persoal, espazo e equipos informáticos. Tamén se sinalou na sesión que 57 concellos da comunidade aínda non contan con este servizo e que «a maioría deles están nas provincias de Ourense e Lugo». No que a fondos bibliográficos se refire, existe un 3 % que contan cun nivel inferior aos estándares ?principalmente na provincia ourensá? e no parámetro de superficie dispoñible, os datos aportados polo secretario xeral de Cultura constatan que a mesma «é baixa nun 68 % dos casos, con cidades como Vigo, Ourense e Ferrol que non alcanzan os estándares mínimos».

Segundo os datos que figuran na Rede de Bibliotecas de Galicia a provincia de Ourense conta con trinta e sete bibliotecas ubicadas nos concellos de menos de 5.000 habitantes. A tipoloxía e as circunstancias nas que se desenvolve o traballo e o servizo presentan unha ampla e variada casuística, que vai dende os concellos que apostaron no seu día por crear unha biblioteca e contar con algunha persoa contratada a tempo parcial aos que dispoñen da instalación e algún funcionario atende as demandas que se podan producir. Nese amplo abano hai casos como o de Muíños ?onde soen ter persoal específico atendendo o servizo no verán e o resto do ano ábrese recurrindo aos traballadores do Concello, ao estar á beira ambos servizos? ou o de Castrelo de Miño ?onde teñen unha persoa contratada para xestionar, polas tardes, a biblioteca e a aula de informática e dispoñen de voluntarios para o servizo?.

As condicións dos espazos que albergan este tipo de instalacións tamén inflúen na denominación e categoría das mesmas. Así, na relación figuran Bibliotecas Públicas Municipais (B. P. M. ) e A. L. M. (Axencia de Lectura Municipal). A denominación vai en función dos fondos dispoñibles e da superficie do local destinado ao mesmo: en Cartelle contan cunha biblioteca, nun edificio xunto ao Concello en Outomuro, e unha ALM en A Seara: a primeira xestionaa a institución municipal e no caso da segunda fano dende a asociación de veciños. Nalgúns concellos (sobre todo nos máis pequenos) as bibliotecas están nos propios centros educativos, pero non abertas á cidadanía en xeral.

Xunto ás ubicadas nos pequenos concellos, a provincia dispón de instalacións con funcionamento reglado e persoal específico en Ribadavia, Celanova, Allariz, Xinzo, Barbadás, O Barco, A Rúa, A Pobra de Trives, O Carballiño e Verín. No caso desta última a súa actividade, proxectos e iniciativas teñen sido galardoadas con varios premios autonómicos e estatais, e durante os meses de verán incluso abren o servizo á piscina municipal, con moito éxito. No caso da cidade ?a maiores da Biblioteca Nodal, a da Deputación e as universitarias? tamén hai instalacións propias nos barrios de A Carballeira, San Francisco e A Ponte.

Información de: M. Cobas, M. Rodríguez, S. Martínez y X. M. R.