A vila de Allariz celebra ao seu patrón

Noelia rey / X. M. R. OURENSE

ALLARIZ

O programa festivo prevé actos lúdicos para toda a fin de semana

08 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Allariz amence vestida de gala para conmemorar a San Bieito, patrón do Concello, nas súas festa máis destacadas. Os múltiples actos organizados na vila alaricana comezarán ás once desta mañá, cunha cata de viños da Denominación de Orixe Ribeiro no Museo de Moda, e prolongaránse durante toda a fin de semana ata o peche, na noite do domingo, cun espectáculo de pirotecnia no Campo de Vilanova.

No programa deste 2016 cultura e gastronomía copan todo o protagonismo. Dende as oito da tarde de hoxe poderase desfrutar dunha Xornada Gastronómica á que poñen banda sonora os grupos Oul&RoU e Andhrea & The Black Cats Bande para continuar, ás once da noite, ca representación teatral de O día do pai, do grupo Malasombra, na Casa da Cultura. Ademais, os rapaces do entorno tamén terán o seu momento, xa que ás seis e media da tarde terá lugar unha carreira de obstáculos infantil que xa pechou lista de participantes.

As primeiras horas de mañá estarán marcadas polo tradicional desfile de Xigantes e Cabezudos que amenizará aos máis pequenos da casa, e aos non tanto, para continuar pola tarde coa Banda Unión Musical de Allariz, que ofrecerá un concerto gratuíto na Alameda. Pero, sen dúbida, o prato forte deste día será á noite cando a Orquestra Charleston Big Band de Padrón empece o seu espectáculo de baile ás 21.00 horas para seguir coa típica verbena galega unha vez entrada a medianoite.

O domingo os festexos non decaen senón que van a máis. Dende primeira hora da mañá os disparos de bombas anunciarán o día grande das festas que acompañarán ao pasarrúas. Este ano, o tradicional paseo polas principais rúas da vila está a cargo da Banda Nova Unión Musical Virxe de Fátima San Isidro de Alicante e, unha vez rematado, dará comezo a procesión, ás 11.30 horas, para honrar ao patrón da vila, San Bieito. A procesión previa ao acto relixioso é un dos eventos máis agardados polos habitantes de Allariz e, ademais de ir vixiada polos Xigantes e Cabezudos xa coñecidos, a Escola Municipal de Danza, a Agrupación De Pé Feito e a Banda Municipal serán as encargadas de amenizar este encontro entre devotos e patrón. A procesión remata, como todos os anos, na igrexa situada no campo da feira onde terá lugar a misa solemne -que se repetirá cada 45 minutos, dende as oito da mañá-.

Unha vez teñan rematados estes actos relixiosos, a banda de músicos achegados dende Alicante ofrecerá, durante a sesión vermú, un concerto co que se rematan as actividades ata as oito da tarde, hora na que comezarán diversas iniciativas culturais como baile, teatro, música... tanto na Alameda como na Barreira. Uns espectáculos cos que o Concello quere entreter a todos os que decidan achegarse ata a vila e agradecer o esforzo aos establecementos locais que fixeron posible que, un ano mais, se poida volver celebrar esta festa.

Con todo, a celebración aínda non remata xa que o punto e final non se producirá ata a madrugada do luns cando, tras a orquesta Ledicia que colocará o seu escenario en A Barreira, Pirotecnia Josman tinga o ceo da vila.