Xenialidades

Xosé M. Rodríguez ANACOS

AMOEIRO

10 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Está por escribir a Enciclopedia das Xenialidades da Provincia de Ourense. Que tamén se podería coñecer popularmente como «Vaiche boa! O libro dos acontecementos máis estranos que pola diócese se teñen dado». Coma se fose o en tempos famoso libro do Ciprianillo, só que este en lugar de servir para andar á procura dos tesouros valerá para pasar un bo anaco cos amigos. Ao pouco que fagamos memoria atoparemos proxectos e propostas do máis singular, orixinal e, tamén e por que non dicilo, nalgúns casos do máis chocalleiro. A un alcalde do PP -ou daquela aínda era de AP?- vinlle defender unha moción a prol da autodeterminación de Galicia. A iniciativa era do BNG, pero os nacionalistas non tiñan concelleiro naquela corporación. E ao longo do tempo foron aparecendo nesta provincia propostas do máis singular, por veces auténticas xenialidades. No alto do Paraño ía crearse un centro de deportivo de primeiro nivel, na comarca de Verín un circuíto de fórmula 1, algún non se botou atrás e apostou por recuperar aquela vella teima de facer o Miño navegable até o mar e mesmo outro xa tiña vendidas pouco menos que quendas para sentarse no sofá que acolleu o corpo de Nicole Kidman na rodaxe dunha famosa película do cine español.

Non sei se no apartado de curiosidades entrará o posicionamento de Amoeiro a favor da masonería. Lonxe do acordo, do debate e da utilidade ou non do mesmo o que chama a atención é o escenario: que a corporación dun concello como o ourensán sexa quen teña que declarar a «lexitimidade e honorabilidade» da masonería non deixa de ter o seu aquel.