Un libro recupera a historia do mosteiro de Bóveda,en Amoeiro

La Voz

AMOEIRO

Alberte Paz

Os artigos de José María Eguileta sobre arqueoloxía e historia recóllense nunha publicación

09 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A Deputación presentou dous novos volumes dos editados polo seu Servizo de Publicacións. Nun deles Rodrigo Pousa (Ourense 1990) incide na historia do mosteiro de San Miguel de Bóveda, en Amoeiro, e no outro José María Eguileta (Pontevedra, 1959) reúne unha escolma dos seus artigos sobre arqueoloxía, historia e patrimonio. Na presentación das obras o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, salientou o feito de que o organismo «é hoxe a editorial máis activa e prolífica da provincia de Ourense, con 163 publicacións realizadas o pasado ano contando libros, revistas, folletos e carteis. Un traballo que mantén o seu ritmo con 80 publicacións editadas no que vai de 2022».

Rodrigo Pousa —licenciado en Historia, docente e investigador— traza en «San Miguel de Bóveda, monasterio, señoría y vasallos en la Edad Media» como era a vida dos homes e mulleres da época que se agrupaban ao redor destes cenobios «analizando neste caso un período moi amplo que alcanza o medio milenio». O libro conta con dous bloques: o que se centra na institución monástica e o que o fai sobre o día a día dos campesiños. A obra de Pousa é a terceira dunha serie que incide na realidade dos mosteiros femininos de fundación familiar. José María Eguileta —xefe do departamento de Arqueoloxía do Concello de Ourense, doutor en Historia pola USC e correspondente da Real Academia Galega de Belas Artes— recolle en «Dende Auria 2: Reflexións sobre arqueoloxía e historia» artigos publicados entre 2016 e 2022.