Losada Diéguez comparte a loas dos seus premios con Risco

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE / LA VOZ

BOBORÁS

antonio cortés< / span>

Xosé González, en investigación, e Ledicia Costas, en literatura, recolleron onte os galardóns

12 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Os premios Antón Losada Diéguez seguen a ser un referente ano a ano para a reivindicación da súa figura como precursor e guía do galeguismo moderno. El foi -segundo dixo onte o mantedor dos galardóns, Xosé Luís Sobrado- «a morte da antiga fidalguía galega». Foi, concluíu o presidente do Centro de Estudos Chamoso Lamas, un «valedor da identidade da nosa terra». Pero onte, como cada ano, Losada Diéguez tiña que compartir o protagonismo cos premiados e, neste caso, tamén co recordo dun vello amigo, Vicente Risco.

Xosé Fernández, gañador do galardón na modalidade de investigación, fixo referencia no seu discurso a como reaccionarían un e outro ao ver como hoxe aínda falamos deles. O premiado o é pola súa obra Vicente Risco. mestre de mestres, na que afonda sobre as moi variadas formas de ensinar e as múltiples ensinanzas que deixou. Risco, segundo dixo Fernández, loitou pola «galeguización» da escola. «Nesa tarefa aínda seguimos e coido que con resultados pouco esperanzadores», engadiu o galardoado. Este, vicepresidente do Centro de Estudos Chamoso Lamas, fixo un análise «amplo e rigoroso» sobre a figura de Risco, en opinión do mantedor dos premios.

A intervención de Xosé Luís Sobrado foi unha das máis sentidas da xornada de onte, especialmente trala presentación que del fixo a concelleira de Boborás, Patricia Torres. Esta emocionouse ao recordar as súas reticencias cando lle propuxeron asumir esa responsabilidade. «A min vaime quedar grande», dixo el naqueles momentos, para máis tarde concluír: «Este é o discurso máis importante da miña vida. E teño dado moitos».

Sobrado, veciño de Boborás, repasou a historia e a «fabulosa» personalidade de Losada Diéguez, a súa relixiosidade e a súa íntima relación coa terra e, en especial, coa viticultura e o viño. O mantedor explicou que a súa moderna fidalguía faría que estivera encantado de ver como un dos premios que leva o seu nome era onte recollido por unha muller. A escritora Ledicia Costas foi a galardoada na modalidade de literatura grazas a súa obra Un animal chamado Néboa, ambientada no cerco a Stalingrado da Segunda Guerra Mundial. Expón, segundo dixo Sobrado, «a barbarie, a dor, as torturas e o sufrimento humano».

Trátase dun traballo que ela fixo a proposta do seu editor, explicou a propia galardoada, que precisou que asumir o reto supuxo pór en marcha un amplo traballo de investigación. O resultado mereceu o recoñecemento feito onte e Costas non quixo perderse a entrega do premio, algo para o que tivo que cancelar unha viaxe en avión que tiña planeada anteriormente. Ela, e a maior parte dos que interviron no acto, no pazo familiar de Antón Losada Diéguez en Moldes, no municipio de Boborás, fixeron fincapé na importancia que teñen estes galardóns e animaron ás entidades que o organizan a que manteñan esta iniciativa, é dicir, os Concello de Boborás e do Carballiño, que contan coa colaboración da Deputación de Ourense. Os premios, que onte cumpriron a súa edición número 31, están dotados con 6.000 euros por categoría.