Que non fixen para apagar os lumes

Marcos Guimarey ARGUMENTARIO

CARTELLE

16 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Chegada a primeira quincena do mes de agosto e cando Galicia arda no seu eixe sur, escoitarase nos medios falados, escritos e piados, que «os lumes apáganse no inverno». Pois o inverno xa foi, apenas pasan días do cambio de estación, e xa acadamos temperaturas próximas aos 30 graos. Prende a arder a provincia de Ourense, logo a nós pouca esperanza nos queda.

O que non fixen eu foi mirar polo meu, como propietario de minifundios forestais no distrito XI. Calquera bo dicionario galego debe comezar polo eme de minifundio. A mesma conclusión dende o século XIX, a estrutura da propiedade do monte. Hoxe, dos preto de 700.000 propietarios, unha porcentaxe dun 50 % non teñen idea dos marcos, elementos dunha realidade máxica, e nin tan sequera dos camiños que levan as súas propiedades.

Unha das reflexións neoliberais que xorden é como monetarizo eu a miña propiedade. Se a tivera a unha distancia óptima dun areal das Rías Baixas, non tería dúbida, promoción urbanística; máis no medio xeográfico de Cartelle só o piñeiro cortado ten valor. Fronte a ese abandono das propiedades privadas, volta o imaxinario colectivo a pensar que ten que ser a Administración quen se ocupe de xestionalo, limpalo, apagalo e replantalo.

A Administración trata de impulsar o cambio coas ferramentas das que dispón, que veñen a ser tributarias, exemplo, as Sofor (Sociedades de Fomento Forestal), con eivas na súa fiscalidade, cuns impostos elevados. A Consellería de Facenda non se fala coa do Medio Rural e o cambio no modelo de xestión do monte non é rendíbel; no noso país, pagar de máis cando podes pagar de menos, non está á moda.

A innovación no sector forestal queda baixo a dirección da UE, quen marca o paso cara o 2020. Helsinki non é Carballiño.

Podo pensar en comercializar a madeira que servirá de fibra ecolóxica xunto con outros polímeros para formar parte dun compoñente dun coche alemán, e deste xeito monetizar as árbores que parecen só servir para fixar o carbono ou fixar o escaso chan útil, e reter por uns anos os 33 graos do mes de abril.