Carlos Casares, Anxos Fazáns e o sector da produción pecharon o Curso Audiovisual de Celanova

La Voz OURENSE / LA VOZ

CELANOVA

MIGUEL VILLAR

Miguel Anxo Fernández presentou unha ponencia sobre a relación do escritor co cine

08 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A organización do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova, proxecto que desenvolven dende hai catorce anos a Fundación Carlos Casares e a Universidade de Vigo, apostou por darlle un especial protagonismo nesta edición ao escritor ao que este ano se lle adican as Letras Galegas. E xunto á mostra sobre o autor e o cine -que estivo exposta durante esta semana no Auditorio de Celanova- e a ponencia referida a Ilustrísima, onte foi o director do curso, Miguel Anxo Fernández o encargado de presentar o traballo Carlos Casares e o cine. O achegamento do escritor ao mundo do celuloide na súa etapa de estudante en Ourense, e logo xa como docente, a participación nas Xornadas de Cine de Ourense dos anos 70, a súa condición de socio do Cineclube Padre Feijoo ou as súas filmacións -dende as familiares ás que fixo sobre a revolución dos caraveis en Portugal- foron aspectos salientados polo ponente.

Na última xornada ofreceu Anxos Fazáns un avance do que será a súa ópera prima -a longametraxe A estación violenta-, Manuel Monzón (A Contracorriente Films) centrouse no traballo de produción e distribución do cine independiente e Paulino Pérez presentou o proxecto deste de Celanova, plató de ficción, o taller audiovisual que dirixe o profesor dentro do curso. No acto de clausura participaron Jacobo Sutil e Dolores Meijomín (Agadic), Rosendo Fernández (Deputación), Hakan Casares (Fundación Carlos Casares) e José Luis Ferro (alcalde de Celanova).