Barcia bate o récord con 500 unidades de polos asados na festa gastronómica do 15

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

CORTEGADA

A parroquia lalinense recupera o evento despois da pandemia, na sétima edición

14 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

As festas patronais de Barcia, que se celebran esta fin de semana na honra á Virxe do Carme, volverán a contar este sábado pola noite coa Festa do Polo Asado que nesta edición varre todas as cifras de edicións anteriores, con 500 encargas feitas ata o momento. Todo un récord de afluencia que podería deberse, según Manolo Blanco da organización, «ás ganas que ten a xente de disfrutar da festa». Veciños de Barcia, e de parroquias da contorna como Cortegada, Laro, Vilatuxe, Soutolongo e Botos son os que asistirán maioritariamente ao evento gastronómico no que se servirá polo asado, patacas fritas, pan, viño, café e sobremesa. «É medio polo para cada persoa, así leva cada un todas as partes do mesmo: zanco, peituga, ala... e dese xeito sempre terá unha parte que lle guste. Xa se sabe, un prefire o zanco, outro non lle gusta a peituga e desa forma cada comensal leva algo de todo», comenta Blanco.

Unha festa do Polo Asado, que se celebra nun fermoso entorno natural como é a carballeira de Barcia, e para a que aínda se poderán realizar as últimas reservas nas próximas horas. «Levabamos quince días coas tarxetas nos puntos de venda sen que saíse ningunha, e nos últimos tres días voaron, pero aínda temos unha vintena de reserva para os de última hora que nolas poderán pedir ata o sábado pola tarde», comenta rindo Manolo Blanco.

Os polos que xa chegarán asados ao campo da festa serán entregados en metades e coas patacas fritas correspondentes aos comensais que disporán de mesas e cadeiras dispostas pola comisión de festas para degustalos. En canto o prezo do polo oscila entre os 15 euros para adultos, e os 10 euros para rapaces de entre 6 e 12 anos mentres que os menores de 6 anos comerán de balde; «para eles tamén haberá polo con patacas», afirma Blanco.

A organización da sétima edición da Festa do Polo Asado de Barcia disporá de camareiros na cea deste sábado, que se encargarán de ir repoñendo bebidas polas mesas habilitadas ao efecto, e a noite estará amenizada musicalmente falando polo grupo de gaitas Repenicando mentres que a verbena correrá a cargo do Dúo Punto Zero e a orquestra Costa Blanca.