O diamante perdido

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto FIRMA INVITADA

CUALEDRO

21 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Arecente acción cidadá de Xinzo fronte á un frío proxecto das administracións foi unha lección de sabedoría popular, de orgullo de pobo que defende un espazo urbano arborado deseñado polos devanceiros que forma parte da memoria de varias xeracións de limegos que medraron nel. Éxito da concienciación colectiva sobre o valor do patrimonio común que non debe desaparecer.

Pola contra, a destrución dun petróglifo en Cualedro foi posible polo descoñecemento do valor patrimonial do elemento destruído.

Ámbolos dous casos tiveron que ver con dous bens, o natural e o cultural, con resultados diametralmente distintos, vinculados á relación humana co legado histórico, relacionados ao seu coñecemento e divulgación, tamén coa súa protección.

O galego é un pobo identificado coa súa paisaxe natural e co xeito de transformala e adaptala ás necesidades humanas. Non é mellor nin peor que o de calquera outro, pero é o noso, e nun mundo máis globalizado, recoñecer e valorar o propio fainos máis fortes, máis firmes no camiño ao futuro.

É un valor colectivo que unicamente se comprende cando se coñece, cando se ama, sendo a educación e a divulgación os mellores alicerces para o seu fortalecemento e defensa. É responsabilidade colectiva, tanto dos cidadáns como das administracións manter viva esa chama que nos identifica fronte a outras culturas, sendo necesario investir esforzos -e cartos- en mantelo na mellor das condicións, cun retorno asegurado.

A de Ourense é a segunda provincia con máis patrimonio de todo o estado, a de maior riqueza románica, tamén a de maior superficie de espazos naturais e a rexión con maior número de recursos termais da Europa occidental. Ourense herda un bo puñado de cascos antigos e conxuntos históricos sen igual no resto da península. Con todo, é a provincia con maior envellecemento, as pensións máis baixas e a de maior emigración. Algo se está enfocando incorrectamente.

Seguramente a cidadanía non sabe do valor que gardan as súas terras e as súas construcións, porque non llelo explicaron dende a infancia, porque non llelo divulgan nos medios de comunicación. Falla orgullo, sentimento de pertenza e de seguridade para darlle a volta ás cifras e mellorar os datos económicos. Probas do éxito dunha boa estratexia patrimonial témola en Allariz, sobradamente premiada e con resultados positivos, un lugar no que se pode vivir do patrimonio e convivir con el. Ourense é un diamante perdido entre as provincias costeiras, O Bierzo e Portugal, e debe mirar as estratexias que o país veciño adopta na preservación da herdanza recibida e da posta en valor como excelencia. Potencial haino, pero hai que saber aproveitalo incluso como feito diferencial do resto de Galicia.