Álvarez Ramos, un dos dezaseis

Xosé M. Rodríguez ANACOS

MASIDE

13 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Houbo un tempo no que as novas había que debullalas corpo a corpo, cara a cara, cunha manchea de chamadas e xuntanzas erradas para acadar algún indicio do camiño a percorrer. Non había móbiles, nin máis redes que as propias dos oficios nos que se acostumaban a empregar, e tampouco unha patulea de emisores interesados en que lle merques o timo do crecepelo de feira e a apócema da vella que en tempos viña aos mercados coas serpes.

Naquela altura exerceu durante uns anos de alcalde de Maside Juan Manuel Álvarez Ramos, veterano político da canteira da UCD. Demócrata convencido -xa quixeran moitos dos que logo viñeron ou están aínda na política actual-, cabaleiro, tolerante, respetuoso e dialogante para cos seus opositores na corporación municipal. Nunca deixou que unha crítica mudase a súa cordialidade, por máis que puidese estar argallada con falsedades ou incertezas, e honrou un cargo gañado co voto dos seus veciños e exercido de forma altruísta.

Foi, en representación da UCD, un dos dezaseis elexidos que traballou para tecer o Estatuto de Autonomía de Galicia. Os chamados «pais do Estatuto» que en 1977 se puxeron ao traballo encomendado para darlle forma a unha nacente autonomía.

Hai uns días, en Compostela, o Parlamento honrou a memoria dos dezaseis pais do Estatuto. Juan Manuel Álvarez Ramos finou hai anos, mais alí estivo un fillo para recoller a medalla con que se agasallou aos ponentes do texto fundacional. Mágoa que non puidese disfrutar en persoa do merecido recoñecemento.