Unha fundación para o san Bieito

Jesús Manuel García OURENSE

MONTERREI

Crónica | Romería na Uceira de Sandiás Que o santiño abade da Uceira, ben querido na Limia, non deixe de ter cada ano a súa festa. Este é o obxectivo da fundación que está en proxecto

09 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

No luns de Pascua, Sandiás, e con el toda A Limia, honraron a san Bieito na ermida da Uceira. Unha romería fermosa nun lugar engaiolante que encheuse de devotos durante toda a mañá. Un coñecido membro do equipo organizador, Antonio Núñez, anunciou que está en proxecto facer algo semellante a unha unha fundación para manter no tempo esta celebración no sitio. «Estamos tratando de facer unha asociación para que esto siga porque o día que faltemos nós esto non debe morrer. xa tivemos unha reunión de toma de contacto e hai ánimo de facer algo neste senso», subliñou. Mentras, a Agrupación Musical de A Limia tocaba a paso solemne unha marcha na procesión coa pequeniña imaxen do santo que deu a volta a todo o espazo axardinado da ermida antes da misa alí mesmo, entre as árbores, presidida polo vicario de Pastoral, Xosé Pérez, e concelabrada por outros catro cregos. Xunto da pequena capela, o postiño dos ex votos: corpos de home, de muller, mans, cabezas, pés, brazos... pezas todas de cera a un euro para os ofrecidos, que non son poucos. Con ese donativo contribúen a manter o recinto. Cada ano a romería vai a máis. Fóra da pradeira, os postos de churros, rosquiñas e polbo á feira. «Estrella Damiar acudiu desde o seu pobo de Albarellos, en Monterrei. Agarrada á súa vela seguía atenta a lectura do Evanxeo onde se lía que mulleres sinxelas atoparon o sepulcro vacío... «Veño cando podo porque gústame vir, escoitar a misa e véñolle ofrecida. Trouxen comigo á miña nai e á miña tía», explicou. O señor Manuel, de Vilariño das Poldras, conversaba cos amigos sentado xunto da fonte. «Ai, este elle un día precioso, non só de devoción senón de comer o polbo aquí na festa. Eu veño sempre de mañanciña e xa lle estiven en case todas as misas. Esta festa é máis de vir cos amigos que coa familia», indicaba este home.