«No sector estase pouco a pouco contratando; falta xente especializada»

María Cobas Vázquez
MARÍA COBAS O BARCO / LA VOZ

O BARCO DE VALDEORRAS

LOLITA VÁZQUEZ

A central que lidera o valdeorrés ten a maioría para negociar coa patronal o convenio laboral da lousa

20 mar 2017 . Actualizado a las 21:13 h.

O pasado día 10, UGT celebraba o congreso de fusión das federacións galegas de Industria e Traballadores Agrarios, e de Metal, Construcións e Afíns, dando lugar á Federación de Industria, Construción e Afíns, na que José Paradelo (O Barco de Valdeorras, 59 anos) saíu elixido responsable da Minería de Galicia, cargo que suma ao de secretario de acción sindical da unión comarcal de Ourense, Valdeorras e Verín.

-Un novo papel.

-Era un tema que eu non tiña en mente, pero hai que botar unha man. Pedíronme que collera minaría. De momento voume facer cargo e tratar de facer as cousas o mellor posible, e xa despois a ver se aparece outra persoa. Isto é moito choio para min.

-¿Para cando ese relevo?

-Teremos que preparar a alguén para que poida coller o relevo, porque eu terei que ir pensando en xubilarme. O problema que temos é que a xente moza non acude aos sindicatos. E por iso temos que seguir estando.

-¿Que novas tarefas terá?

-Todo o tema da pizarra a nivel Ourense, Lugo e A Coruña. E intentarei tamén mirar polo tema do granito do Porriño, que hai un montón de empresas, e aí UGT participa, pero non ten moita presenza.

-¿Buscarán medrar, non?

-A idea é esa, hai moito campo que facer para medrar. O proceso de eleccións será no 2018-2019, así que haberá que ir preparando o terreo.

-¿En que situación está o sector do granito?

-Penso que está nun momento como está o tema da pizarra, intentando recuperar, porque tamén tivera unha baixada importante. O sector da pizarra está estabilizado, estanse facendo cousas e estase creando emprego. No granito non estou moi metido aínda, tereime que poñer ao día. E en pizarra temos que resolver o de Ortigueira, que hai dúas empresas alí e non están dentro do convenio a nivel Galicia. Temos todos os delegados, así que ímolo intentar que entren no convenio galego.

-¿É o reto para a negociación do próximo convenio?

-Si, así como no anterior subscribimos a todas as empresas de Lugo, que tiñan que estar en dous meses, as da provincia da Coruña están fóra. Como están no acordo marco a nivel nacional, hai cousas que xa teñen recoñecidas. O único que cambian serían os salarios e as condicións sociais.

-¿Hai movemento no sector?

-O sector está pouco a pouco empregando e contratando xente. Fai falta xente especializada, labradores e cortadores de fío. Iso si que está moi solicitado. E as empresas están collendo xente nova para que vaia aprendendo a facer eses postos, porque vaise xubilando xente, e teñen que ir metendo xente nova.

-Avanzou que pedirán o mantemento do emprego, ¿segue sendo o piar fundamental da negociación?

-Iso é fundamental, o mantemento das condicións. Hai empresas que levan tido problemas moi grandes e ningunha se ten descolgado do convenio, e niso moito ten que ver UGT, porque estamos dando paz social ao sector. Se ningunha empresa se descolgou, e algunha estivo nunha situación moi mala, foi grazas a UGT.

-Antes haberá que constituír a mesa, ¿como vai quedar?

-Non sei. Os números son os que son, e non hai nada que facer. A CIG ten 4 delegados en Lugo e 7 en Ourense; CC.OO. ten 5 en Lugo e 6 en Ourense; e nós 3 en Lugo e 83 aquí. Correspóndenos catro delegados dos cinco que hai pola parte sindical.

-¿Pensaron en ceder un para que CC.OO. e CIG poidan ter representación, xa que aínda así manterían a maioría?

-Non imos ceder. De ningunha maneira. Ademais, non é cousa miña. Veu o secretario federal de minería e non quere que a UGT ceda nada, porque temos os resultados que temos, e son os que van adiante.

«Se ningunha pizarreira se descolgou do convenio foi

grazas a UGT»

«Non vamos ceder ningún delegado con voto a ningún sindicato»

Paradelo leva máis de 30 anos en UGT. Primeiro foi elixido como delegado sindical e despois presidente do comité de empresa en Cedie, a química do Barco; firma na que estivo ata que unha enfermidade levou a que o declarasen pensionista. Durante máis de 20 anos foi o representante dos traballadores na empresa, e ao tempo estivo en cargos directivos. Como secretario comarcal de UGT en Valdeorras leva 8 anos, e desde fai seis meses é responsable de acción sindical a nivel provincial. Gábase de que nunca foi liberado sindical. «Eu estou por amor ao arte, porque me gusta; pero nin estando na empresa quixen ser liberado», resalta. «Sempre lle dediquei ao sindicato as horas particulares», engade. O traballo sindical sírvelle agora tamén como terapia propia. «Estou bastante fastidiado de saúde, e isto estame servindo para esquecerme doutras cousas, ata me vén ben», recoñece.

-¿E non sería mellor para os traballadores que houbera paz sindical?

-Non hai problema ningún. O que non estea na mesa con voto, estará con voz. Non quere dicir que non vaian estar na mesa, pero non vamos cederlle un delegado con voto a ningún sindicato.

-¿Cando rompeu a paz sindical?

-Eu nunca tiven problema a nivel persoal con ningún sindicato, fixemos algunhas cousas xuntos. pero arriba xa estamos rotos, hai tempo que Comisiones Obreras e UGT van por un lado, e CIG por outro.

-En Valdeorras nin iso...

-Agora tampouco hai interlocutor. Comisiones Obreras non ten responsable en Valdeorras. Pero eu nunca tiven problema con ninguén. A CIG, no seu momento, que cando foi o da pizarreira Cavima [en Vilamartín] levaron xente a Ourense para pedir a miña dimisión... Ese foi o único encontronazo que tiven con eles neste tempo.