As Xociviga entregarán a «Insignia de honra» deste ano a Miguel de Lira

x. m. r. ourense / la voz

O CARBALLIÑO

Emilio Relova

11 jul 2012 . Actualizado a las 07:05 h.

As Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia, Xociviga, concederán este ano a súa Insignia de honra a un coñecido actor de cine e televisión galego, un recoñecido home de escea que nos últimos anos protagonizou películas como Os Crebinsky ou montaxes teatrais como o proxecto Citizen, de Chévere.

Segundo recolle o Cineclube Carballiño no seu blog, as Xociviga 2012 celebraranse entre os días 3 e 7 de agosto e para o día 7 contarase «coa honrosa visita de Miguel de Lira, a quen lle entregaremos a Insignia de Honra 2012». No blog da entidade organizadora das Xociviga inclúese un enlace á curtamextraxe Empantanados, traballo «que ten a Miguel de Lira como protagonista e que se exhibiu durante o I Ciclo Xociviga en Curto que tivo lugar os días 24 e 25 de febreriro de 2012». As Xociviga naceron en 1984 e dende entón manteñen a súa cita anual coa mellor oferta cinematográfica, o programa definitivo das mesmas, segundo se sinala no blog do Cineclube Carballiño, farase público nos próximos días.

Cine ao aire libre

Antes da celebración das Xociviga 2012 a entidade cultural carballiñesa celebrará un ciclo de cine ao aire libre. As proxeccións levaranse a cabo os días 31 de xullo e 1 e 2 de agosto e terán como escenario a praza Irmáns Prieto. Os títulos escollidos para este ciclo son Robin Hood, Coñecerás ao home dos teus sonos e A guerra dos botóns.