O Carballiño edita dous mil marcapáxinas sobre a figura do homenaxeado Manuel María

La Voz

O CARBALLIÑO

O autor tivo un vencello especial coa provincia de Ourense e coas comarcas do Carballiño e do Ribeiro

11 may 2016 . Actualizado a las 11:43 h.

Manuel María tivo un vencello especial coa provincia en xeral, e con comarcas como a do Carballiño e O Ribeiro -como bo coñecedor dos viños e membro da Irmandade Galega dos Viños- de xeito particular. E pola provincia se están a desenvolver iniciativas vencelladas coa súa figura.

o carballiño

Marcapáxinas. A vila xa acolleu a mostra sobre a figura e a obra do poeta e presentou a reedición do seu poemario Cantigueiro do Orcellón. Agora o Servizo de Normalización Lingüística do Concello do Carballiño está a distribuir dous mil marcapáxinas nos que figura o poema de Manuel María A fala. O marcapáxinas tamén inclúe unha fotografía do autor.

ribadavia

Piden que se lle adique a MIT. O BNG anunciou onte a presentación dunha moción no pleno deste mes pedindo actos en memoria do protagonista das Letras Galegas 2016. Ademais de pedir que se desenvolvan actos ao longo de todo o ano, para escolares e público en xeral, lembran a relación de Manuel María e Saleta Goi co colectivo cultural Abrente e coas mostra de teatro da capital do Ribeiro. Daquela solicitan que a MIT 2016 estea adicada á figura do escritor.

barbadás

Obradoiro. O Concello de Barbadás acordou hai unhas semanas darlle o nome de Manuel María a un dos seus servizos públicos culturais e o venres, día 13, haberá na biblioteca un obradoiro para rapaces. Correrá a cargo de Teatro Babaluva e levará por título «A casa de Manuel María».

viana do bolo

Comeza cos nenos. O programa das Letras arrinca ás 16.00 horas na Casa da Cultura coa actividade infantil O Poeta do Miño, unha homenaxe a Manuel María. Mañá á unha no IES Carlos Casares haberá teatro, nunha representación aberta ao público que queira ir. O domingo ás 21.00 horas na Casa da Cultura actuará Emilio Rúa; o día 17 (20.30 horas, mesmo lugar) actuarán as pandereteiras de Candea e Abaneo. Pechará o programa o recital poético que terá lugar o venres 20 ás 12.00 horas no castelo, a cargo dos alumnos do colexio.

ALLARIZ

Canta e contacontos en dúas sesións. O domingo 15, haberá unha sesión de cantacontos a cargo de Susa Herrera e As Comadres, quen cantarán historias de animais. Será as 18.00 horas na Casa da Cultura, con entrada xeral a tres euros e dous para quen teña a tarxeta cidadá. O día 17, Trécola Teatro fará unha sesión de contacontos no Museo do Xoguete, ás 12.30 horas. Ás 19.30 horas, haberá un roteiro poético e musical.