Futuro para a lingua e a natureza

La Voz OURENSE / LA VOZ

O CARBALLIÑO

cedida

Alumnos do Carballiño celebraron o Día das Árbores, da Poesía e da Auga na Insua dos Poetas

25 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Arredor de trescentos escolares de centros de ensino de toda a comarca do Carballiño participaron onte na celebración do Día das Árbores, da Auga e da Poesía na Insua dos Poetas. A cita no espazo natural e literario de O Carballiño estaba prevista para hai un par de semanas, aínda que a climatoloxía adversa aconsellou a suspensión naquela altura. Participaron sete centros educativos: IES nº 1, IES Chamoso Lamas, Colexio Sagrado Corazón e Vila do Arenteiro -todos eles do Carballiño-, e da comarca os colexios de Beariz, O Irixo e Boborás. Cada centro elexiu un tipo de árbore e realizou unha actividade vencellada con esta árbore. Daquela os escolares procedereon a ler textos dramatizados na cita desenvolvida en Madarnás e cantáronse cancións e realizaron coreografías sobre árbores como o amieiro, o buxo, o loureiro, o madroño, a cerdeira, o carballo e o salgueiro.

Na festa da cultura e da natureza que se celebrou onte na Insua dos Poetas participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Luis Fernández, o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega Piñeiro, e o presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luis González Tosar.

A celebración é unha cita anual que conta co apoio, entre outros, de Política Lingüística e o seu responsábel, Valentín García, amosouse onte «satisfeito por participar canda a tantos mozos e mozas nunha celebración da ecoloxía en xeral e da ecoloxía lingüística en particular, de respecto á natureza e á palabra». García tamén incidiu no feito de que citas como a da Insua dos Poetas «só poden significar vida para a nosa lingua».