Carballos

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

O CARBALLIÑO

Carballeira de Castro Ribeiras de Lea
Carballeira de Castro Ribeiras de Lea ALBERTO LÓPEZ

28 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Sempre me pareceron seres vivos fascinantes e marabillosos. Con eles convivín e interactuei, sobre todo na miña aldea de Niñodaguia (Ourense), onde seguen a ser na actualidade a especie predominante. Sen dúbida é a árbore por excelencia de Galicia, que ademais de inzar todo o territorio de topónimos como Carballo, Carballiño, Carballal ou Carballedo tamén se estende a moitos dos nosos apelidos.

O carballo en Galicia é un símbolo sagrado que transcende e co que os galegos nos identificamos igual que sucede no resto dos pobos celtas e dalgunhas outras culturas europeas como a vasca ou a xermánica. As referencias aos carballos son destacadas tanto na historia como na nosa literatura e por suposto no folclore. Estás forte como un carballo é un dito moi popular en toda Galicia ao tempo que no refraneiro popular hai gran cantidade de referencias como «Cando a carballeira zoa sabe ben a broa». Non obstante é quizais na parte musical da nosa tradición onde temos máis cantidade de variantes e riqueza, como o berro de «Ei carballeira», que simboliza un momento de exaltación da festa ou en cantigas moi coñecidas como «O carballo da Portela ten a folla revirada, que lla revirou o vento nunha noite de xeada» ou «Carballeira de San Xusto, carballeiriña enramada, naquela carballeiriña perdín a miña navalla entre moitas máis».

Neste punto aparecen as árbores centenarias desta especie, como algunha das aínda existentes en lugares como a referida carballeira de San Xusto en San Xurxo de Sacos, Cerdedo, Cotobade, Pontevedra. Nalgúns casos tamén se denominan coa forma feminina carballa por ser carballos antigos máis voluminosos e de maior torada, e aí está o impresionante monumento natural que é a carballa da Rocha no concello de Rairiz de Veiga na Limia ourensá con máis de 500 anos de antigüidade. Difícil é abarcar neste pequeno texto a importancia desta árbore tan nosa, mais creo que é preciso salientar o seu significado, por historia, por sacralidade e porque vivimos nun tempo no que moitas carballeiras están sendo sacrificadas e substituídas por outras especies alóctonas a favor dunha suposta rendibilidade cortopracista. O meu absoluto respecto ao señor/señora dos bosques galegos.