O Outono Xove ofrece actividades para mozos no Carballiño e no Xurés

La Voz OURENSE / LA VOZ

O CARBALLIÑO

cedida

O programa foi presentado na delegación da Xunta en Ourense

09 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A Xunta de Galicia promove o Outono Xove, iniciativa dirixida aos mozos de entre 14 e 30 anos que se desenvolverá nas fins de semana de novembro e decembro. O delegado territorial en Ourense, Gabriel Alén, presentou a actividade da Consellería de Política Social, que conta co financiamento do Ministerio de Igualdade. Trátase, lembrou Alén, dun programa de educación non formal durante o outono, co fin de ofrecer alternativas de ocio responsable e seguro á mocidade galega e favorecer a adquisición de competencias transversais. 

Entre as actividades ás que se poderá acceder, repartidas por toda Galicia, hai dúas propostas que se desenvolverán na provincia de Ourense. Aventureza no Carballiño terá como centro de aloxamento a Residencia de Tempo Libre que a Xunta ten neste municipio. No complexo turístico e deportivo de O Corgo, en Muíños, estarán os participantes do programa Descubrindo o Xurés. Hai 880 prazas para toda Galicia e as mesmas adxudicaranse por orde de chegada das solicitudes. 

Aventureza no Carballiño desenvolverase do 25 ao 27 de novembro —para a quenda de mozos e mozas de 14 a 17 anos— e do 2 ao 4 de decembro e 9 ao 11 de decembro —para os mozos e mozas de 18 a 30 anos—. As actividades xirarán a carón de rutas e rastrexos culturais e de aventura, xogos populares, xogo de escape no Carballiño, láser tag e tiro con arco. Descubrindo o Xurés ofrece tres quendas este mes —11 a 13, 18 a 20 e 25 a 27,— para mozos de 14 a 17 anos. O de 18 a 30 poden escoller do 2 ao 4 ou do 9 ao 11 de decembro. As actividades consistirán na ruta megalítica en Maus de Salas e visita ao Foxo do Lobo, obradoiro ambiental e de refugallo, actividades de identificación de rastros e sinais de fauna, xeolocalización e actividades de lecer relacionadas coa contorna natural e paisaxística do Parque Natural Baixa Limia e Serra do Xurés.