Alternativas para conseguir o cambio

rebeca carreiro SUSTINEA

O PEREIRO DE AGUIAR

MIGUEL VILLAR

Sustinea destaca as actividades levadas a cabo na provincia que apostan polo medio ambiente

18 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Veño de gozar da ponte de maio cos colegas. Entre risas e paparotas, tivemos tempo de «arranxar o mundo» debatindo e discutindo sobre temas que nos parecían importantes. Cando teño estes debates con persoas as que coñezo dende fai anos, que coñezo ben os seus valores, e vexo o que opinan do actual modelo de vida, xurde en min unha desmotivación profunda, pois síntome coma se fose un bicho raro que ve que o actual mundo non é sostible nin xusto para as persoas.

Penso que non son a única que ve que o petróleo se acaba, pois é un feito. Que non podemos seguir consumindo ao ritmo actual, tamén está claro. Que o noso benestar é o responsable das desigualdades de millóns mulleres e homes, tamén parece claro. Que existen alternativas máis sensatas, amables e responsables co medio ambiente e as persoas... non cabe dúbida. Entón onde xorde o problema e a confusión?

Por iso, dende Sustinea queremos adicar este mes de maio ás alternativas para o cambio. Porque cremos que é preciso transitar cara outra forma máis sustentable e xusta de habitar o planeta. Non só no consumo de enerxía, recursos, produción de alimentos, tamén nas nosas vidas.

Teño un amigo, Xosé, que di que o mundo xa está en transición, que hai moito «movemento», pero a pregunta que me fago é, cara a onde? Temos claro que debe ser un cambio cara ao común, creando entre todos unha sociedade onde homes e mulleres non sexamos meros suxeitos danados polo sistema, senón que nos reinventemos.

Por exemplo na nosa cidade, Ourense, existe un movemento cada vez maior de persoas motivadas e con inquietudes semellantes que traballan por reinventar a nosa cidade, converténdoa nun lugar máis xusto e solidario, e en paz co medio natural que o soporta. Pero estas transicións tamén pasan polo rural ourensán, e non é doado. Aínda así, os pobos en transición que traballan polas alternativas viables son unha realidade. E teño que dicir que é moi agradable ver que algo bo está a acontecer no noso rural. E que as persoas, moitas veces da man das institucións e administracións, e outras moitas por iniciativa propia, están poñendo en marcha pequenos (e grandes) logros. Coma por exemplo, persoas coma a Noe, que nun pequeno pobo crea un proxecto de dinamización do rural chamado Arca da Noe. Ou coma María, unha rapaza que crea Erva Meira, un proxecto de cultivo de plantas medicinais e a súa cosmética natural asociada. Ou coma outros e outras moitas produtoras de ecolóxico (vitivinícola, gandeiro, agrícola, transformación, etcétera) están a crear a base sustentable do noso futuro.

Grazas a estas persoas, debo dicir que me declaro optimista porque temos moitas ganas e razóns para cambiar xuntas e xuntos a nosa contorna e as nosas vidas.

Ourense, unha cidade con movemento sustentable.

 

Escoitamos moitas veces dicir que en Ourense non se fai nada, que non hai unha base social activa, que non pode haber un cambio. Pero non é así. Soamente hai que escoitar, observar e de vez en cando participar en movementos ecoloxistas-sociais, para darte conta de que está a suceder todo o contrario. Por exemplo, tocando o tema do consumo local e ecolóxico, no último ano cantas tendas de produción ecolóxica abriron as súas portas na nosa cidade? Pois máis de 7, gran número que sumado as que xa existían soamente pode significar que a concienciación e a sensibilización da nosa poboación está crecendo, e da igual de onde veña, se da preocupación pola alimentación ou da conservación e protección do medioambiente, o importante e que crece. Por outra banda, cantos proxectos de creación de hortas ecolóxicas se están levando a cabo en Ourense? Soamente na cidade podemos contar coa horta de Amigos da Terra, a horta da Alfádega do noso colectivo, as hortas do Concello en Montealegre, e moitos particulares que sabemos de primeira man que están recuperando as fincas para a autoxestión en ecolóxico. Se falamos da escola, Sustinea cada ano aumenta a cooperación e o traballo en rede cos centros escolares da nosa cidade, algo que nos enche de orgullo e ledicia, pois a conexión da escola coa natureza é indispensable. Proxectos que este ano estamos levando a cabo con varios centros educativos. Coma, por exemplo, a creación de hortos escolares, retirando así as grandes explanadas de cemento e sen árbores chamadas patios, apadriñamento de árbores da cidade polo propio alumnado, fomento do uso das bicicletas, a motivación e o fomento de futuros activistas con crítica e sentimento de pertenza, e un etcétera moi longo, e podo dicir que vai en aumento, o cal nos augura futuro.

E podemos seguir mencionado alternativas que se están a levar a cabo, por exemplo dende a administración do rural, a promoción dos produtos locais e a revalorización dos mesmos, que funciona como atraínte para xerar servizos no rural e asentar poboación. Por exemplo, o Concello veciño do Pereiro de Aguiar, este ano leva a cabo o seu segundo ECO-Mercado, onde soamente participan produtores locais, cunha produción en ecolóxico.

Sustinea colabora organizando e facémolo de forma grata, ao poder mostrar diferentes alternativas de consumo que existen na nosa cidade, e que a maioría das persoas descoñece. Este ECO-Mercado será o 4 de xuño en Pereiro, en horario de 10.00 a 15.00 horas, para que comecemos a coñecer e abrir os ollos, e así mudar o discurso de que «en Ourense non hai nada».

Que é e que fai Sustinea?

Somos unha asociación medioambiental que traballa en prol do desenvolvemento sostible. Facémolo mediante diferentes proxectos de desenvolvemento rural, programas de educación ambiental e estudando o noso medio para buscar solucións ás súas problemáticas. Ao longo do ano levamos a cabo diversas actividades: voluntariado ambiental, campos de traballo, campañas de sensibilización, actividades en familias, rutas temáticas, campamentos ambientais, intercambios xuvenís europeos, estudos de fauna e flora, servizo de voluntariado europeo, entre outros proxectos que podes coñecer mellor na nosa web e no noso Facebook.