Paco dos Milagres

José Pérez Domínguez

OURENSE CIUDAD

O deán da Catedral lembra ao hostaleiro que rexentaba a hospedería dos Milagres

25 ene 2017 . Actualizado a las 19:59 h.

Posiblemente noutros tempos non me atrevería a escribir este obituario para Paco dos Milagres (D. Francisco Feijoo Gómez). Hoxe fágoa e penso que a demais debo facelo en xustiza. Inexplicable en tódolos ordes canto sucedeu no hostal da Virxe dos Milagres en Baños de Molgas o día 23 de xaneiro. Din que o ser humano é forte por veces, pero débil na maioría dos casos. Débil foi Paco neses intres tan tráxicos e non sabemos o que lle puido ter pasado pola cabeza. Pola miña parte unha oración a Virxe dos Milagres para que tape a os dous, o seu pai e a el mesmo, co seu manto de Nai bendita e que interceda ante Cristo, o seu fillo, polo seu descanso eterno.

Como ven saben todos vostedes, o Santuario da Virxe dos Milagres é para a diocese de Ourense un pulmón de aire puro, que osixena os seus plans de pastoral, a formación permanente dos sacerdotes, os exercicios espirituais para curas, as reunións arciprestais de unha das zonas ampla da nosa diocese; no Santuario xúntanse os grupos bíblicos, ten lugar as reunións dos movementos, dos grupos e das asociacións e dos cursiños prematrimoniais; alá peregrinan os mozos e mozas pola novena do setembro, e no Santuario casaron e celebraron as súas vodas moitos noivos e noivas. Pois ben, Paco, restaurador, e a súa muller Mari Carmen axudaban a que todo saíra o mellor posible, tanto con comidas coma con espazos de reunións. Empezamos o labor pastoral con moitas dúbidas; pero en Paco e en Mari Carmen e tamén nos seus fillos encontramos acollida, o respaldo favorable naqueles comezos indecisos para canto tiñamos que facer.

No nome da diocese de Ourense e no meu nome unha oración sincera pola familia, polos seus fillos e tamén polos finados. ¡Que Deus misericordioso, rico en tenrura e coñecedor dos profundos misterios do ser humano, se apiade deles!

José Pérez Domínguez, deán-presidente do Cabildo da Catedral de Ourense