«Gustaríame ter participado no proxecto da estación intermodal»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

MIGUEL VILLAR

O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia concedeulle o seu premio especial en recoñecemento á súa carreira

08 mar 2017 . Actualizado a las 21:00 h.

Coa lucidez e a clareza de ideas que marcaron a súa traxectoria profesional, Javier Suances Pereiro (Ourense, 1932) segue a repasar a actualidade, as eivas que se manteñen no planeamento e nas actuacións na cidade, os malos tempos que está a vivir a profesión ou a política galega -reméxese na cadeira cando fala do mal que se está a tratar ao galego: «Tanto inglés, tanto inglés, unha vergoña!»-. Lembra con agarimo os tempos nos que un fato de arquitectos novos coincidiron en inquedanzas e na necesidade de apostar por facer país dende a arquitectura e así o fixeron no colexio profesional: «Estabamos Manolo Gallego, César Portela, Albalat e outros. E conseguimos cousas e que se empezase a dar outra consideración á arquitectura e ao traballo dos profesionais. Agora é o propio Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia o que acordou concederlle o seu premio especial «en recoñecemento ao seu exercicio profesional e con motivo da súa dilatada experiencia como colexiado». O 17 de marzo recibirá a distinción nun acto a desenvolver no Teatro Principal de Ourense.

-Como valora o premio do COAG?

-Cun especial orgullo. Ao ser os propios arquitectos os que che fan a distinción penso que ten máis importancia e calidade que se fora un xurado elixido ao respecto. Teño recibido premios ao longo da miña carreira mais este é diferente por ser dos propios compañeiros. Estoulle agradecido.

-Cantos anos botou na profesión?

-Moitos. Non sabería precisar, pero corenta e tantos ou cincuenta. Máis ou menos.

-Que proxecto lembra con especial satisfacción?

-Ao mellor o das monxas -o convento das Carmelitas Descalzas- ou a recuperación de Santo Estevo de Ribas de Sil. Tamén a da Caixa de Aforros de Ourense -Avenida de Pontevedra- ou a do Simeón.

-Que intervención desexada non chegou a poder facer?

-Desexaría ter feito algo por Ourense, aínda que non foi posíbel.

-A que se refire?

-A facer unha cidade termal, por exemplo. Aquí levan anos falando dunha cidade termal, pero non a hai nin semella que ninguén se poña ao traballo. E chega a xente aquí e topa catro pozas. Tamén quería ter participado no proxecto da estación intermodal, pero non puiden porque necesitaba ter non sei cantos millóns de obra feita. Iso era para xente como Foster ou equipos internacionais.

-A recuperación de Santo Estevo xerou polémica. Como lembra agora todo aquilo?

-Tróuxome bastante de cabeza. Creouse un conflito interesado neste asunto, por xente non entendida no tema. Ata chegaron a dicir certos grupos políticos que os morcegos batían contra a cristaleira e morrían. Unha tontería supina! Rematouse recoñecendo que é unha obra que está ben e aí figura o premio -saca dunha carpeta o recorte de prensa que dá conta da elección do parador de Santo Estevo como o mellor do Estado-. O que pasa é que Galicia sempre foi moi conservadora, e cando queres facer algo distinto aparecen os problemas.

-A rehabilitación do Simeón foi un dos seus últimos proxectos.

-Si. Gañamos o concurso para facer a obra e aí está, como un dos referentes da actividade cultural da cidade. A verdade é que na última etapa da miña carreira fixen varias rehabilitacións; e en conxunto moitos espazos de reunión onde se deciden as cousas e se xunta a xente na cidade: o Simeón, o edificio da Xunta -a Casa de Chocolate-, a reforma da Caixa de Aforros e outros.

«Ourense sempre maltratou o río Miño e fai falta visión de conxunto e un plan director»

Ao longo dunha ampla carreira profesional Javier Suances moveuse en moitos dos campos da profesión e asinou obras que van dende a granxa de Valverde (Allariz) ao conxunto de vivendas sociais de A Uceira (O Carballiño). Participou nunha etapa da súa vida nun estudio con Chao e Peña e foi docente, na Escola de Arquitectura da Coruña e logo como profesor nun centro privado. Recoñece que o único campo no que non se moveu foi o do urbanismo.

-Que opinión lle merece a situación da profesión ao antigo profesor?

-Isto está mal, moi mal. Os nosos arquitectos, os mellor formados da historia de Galicia, non teñen traballo e víronse obrigados a marchar por aí adiante. Teño alumnos excelentes, de matrícula e coa máxima cualificación no proxecto de fin de carreira, e non poden exercer ou están en Ecuador, en Chile e por outros moitos países. Na actualidade a nosa profesión é un desastre, un caos.

-Hai anos amosábase moi crítico coa relación de Ourense co río Miño. Foi a cousa a mellor?

-Non. A cidade sempre viviu de costas ao río e foino maltratando. Esas traseiras dos edificios coa roupa colgando contra o Miño, o destrozo dos coiñais, dos pasos da barca, das zonas de pesca e de tantas cousas que estaban vencelladas ao río son exemplos do mal que se lle fixo sempre. Regúlano malamente alá arriba cun salto, o de Velle, e penso que non é atractivo.

-Pero foise mellorando o espazo.

-Sen criterio. O que se necesita é unha visión de conxunto e un plan director. Hai zonas nas que quedaron proxectos a medio facer, como a que desenvolveu un equipo catalán, e outros non gardan relación entre eles. Había que reordenar a zona. Foi una mágoa que Ourense nunca mirase polo río Miño.