Imagen:

Agricultura para transformar a sociedade

Sustinea propón cultivos que aproveitan os recursos naturais e unha alimentación natural


SUSTINEA

A día de hoxe é imposible dicir que non escoitamos falar nunca da agricultura ecolóxica, tamén chamada orgánica ou biolóxica. En Ourense vemos cada vez máis como pequenas familias de xente moza comezan un proceso de cambio, apostando por unha vida na que podan producir os seus propios alimentos ou polo menos unha metade dos mesmos. Algo que non é de estrañar cando te das conta de que o que nos estamos levando á boca para alimentarnos non nos nutre, senón que ten un efecto totalmente contrario e perxudicial, nos envelena.

Dende Sustinea apostamos e defendemos o cultivo en ecolóxico, un cultivo que aproveita os recursos naturais para, por exemplo, combater pragas, manter ou aumentar a fertilidade do chan, etcétera sen recorrer a produtos

químicos de sínteses como fertilizantes, praguicidas, antibióticos, e similares, e na non utilización de organismos que fosen modificados xeneticamente, os transxénicos. Desta forma conseguimos alimentos máis naturais, sans e nutritivos. Ademais, axudamos a conseguir unha maior sustentabilidade do medio ambiente causando o mínimo impacto medioambiental. Estes cambios podemos facelos tanto si temos un espazo en zonas rurais coma senón, xa que a día de hoxe na nosa cidade comeza a haber máis proxectos de hortas rurais comunitarias ou privadas, que axudan ás persoas que non teñen posibilidade de cultivar en terreo rural a ter un pequeno bancal de cultivo urbano.

Por exemplo, este ano, en Sustinea estamos moi motivadas, xa que vemos como o proxecto no que levamos traballando dende fai tres anos comeza a dar os seu froitos e a ser xa unha realidade.

«Un rural para todos» é o nome deste proxecto ecosocial, cuxo obxectivo ten a recuperación de terreos en desuso e abandonados na cidade de Ourense, para a posterior creación de hortas ecolóxicas urbanas, co fin de producir de xeito cooperativo en agricultura ecolóxica e permacultura. Os destinatarios serán persoas que se atopen en risco de exclusión social, que non teñan recursos, traballo ou en xeral, aquelas persoas que se sintan motivadas por comezar un cambio na sociedade ourensá e no noso modelo de produción agrícola.

A parte de traballar fisicamente na horta, o proxecto conta cun espazo de reflexión, formación e investigación sobre agroecoloxía, soberanía alimentaria e as transformacións no mundo rural, bautizado como Escola do Rural.

 

Apostamos polo cambio

Nela faremos diferentes formacións ao longo do ano, de temáticas variadas coma boas prácticas na horta, permacultura, bosques comestibles, bioconstrución, plantas medicinais, alimentación consciente, etcétera. E onde faremos quedadas de ocio na horta, coma pequenos concertos, intercambios culturais, merendas e almorzos solidarios, contos na horta, debates e reflexións conxuntas... En definitiva, un espazo no que non so se traballe, senón no que podamos estar gozando en contacto coa terra, que promova un sentido de identidade e de pertenza ao lugar.

Defendemos e apostamos polo desenvolvemento territorial da agricultura ecolóxica, a súa asociación cos mercados locais e grupos de consumo, a relación directa coas produtoras en ecolóxico, o consumo en fresco e de

tempada, a carga nutricional que posúe, e porque é especialmente idónea para promover un sistema

agroalimentario máis sustentable e accesible para todas as persoas.

Os produtos ecolóxicos son máis saudables xa que están libres de residuos tóxicos persistentes procedentes de pesticidas, insecticidas, antibióticos, fertilizantes sintéticos, aditivos e conservantes, moitos deles utilizados na

agricultura convencional para eliminar insectos ou pragas e combater enfermidades, para engadirlles cor e brillo (mazás, laranxas, etcétera) e que a medio ou longo prazo producen causas moi negativas no noso organismo, por exemplo se cre que enfermidades tan comúns como o párkinson é unha delas. Ao non conter substancias artificiais, os alimentos procedentes da agricultura ecolóxica son asimilados correctamente polo organismo sen alterar as funcións metabólicas.

Outra característica da agricultura ecolóxica é que, ao cultivar os alimentos en chans equilibrados por fertilizantes naturais coma o compost, os produtos son máis nutritivos xa que conteñen uns niveis máis altos de vitaminas, minerais esenciais, hidratos de carbono e proteínas.

A agricultura ecolóxica require unha planificación máis exhaustiva que a agricultura tradicional porque aquí non se trata de sacar o maior rendemento, senón de producir colleitas atendendo á ecoloxía, á contorna e a todas as

especies.

 

actividade mensual

 

Curso de formación. Neste mes de marzo queremos presentarvos o curso de formación teórico-práctico en agricultura ecolóxica con duración de 50 horas, que levaremos a cabo na asociación de veciños A Carlasca (A Carballeira), do 20 ata ao 31 de marzo, de luns a venres en horario de 09.00 a 14.00. O curso será impartido polo noso compañeiro, labrego especialista en agricultura ecolóxica Andrés Castro. Data límite de inscrición: 16 de marzo ás 14.00h

sobre nós

 

Desenvolvemento sostible.Somos unha asociación medioambiental que leva a cabo diveresas actividades, desde voluntariado ambiental a campañas de sensibilización.

A posibilidade de xerar un futuro xusto e sostible

Nos últimos tempos podemos ver como se desenvolveu unha corrente sociocultural ao redor da agricultura ecolóxica na cidade. As hortas urbanas creceron espectacularmente e supoñen unha nova contorna de produción agrícola cunhas características particulares. Trátase dunha nova forma de aproveitamento do territorio onde espazos urbanos en desuso ou ben, parques, azoteas, patios ou balcóns pasan a ser elementos multifuncionais, que ademais do uso para o que foron dispostos, adoptan outros como a produción de alimentos sans e naturais, a mellora da sustentabilidade ou a redución dos impactos urbanísticos.

Ademais, cremos que a creación de hortas urbanas é unha fonte de lecer para as persoas que o cultivan, contribúe á mellora das relacións sociais e pode ser unha ferramenta moi útil en Educación Ambiental, integración social, desenvolvemento de habilidades e mesmo en fins terapéuticos. Así é que practicar a Agricultura Ecolóxica non só implica o uso de técnicas agrarias axeitadas, os seus obxectivos tamén abranguen o ámbito social (autosuficiencia alimentaria, independencia e autonomía das familias,

desenvolvemento local, lecer), ambiental (frear a contaminación, aumentar a biodiversidade, a estabilidade dos recursos naturais), económico (igualdade, viabilidade das explotacións agrarias, rendemento sustentable) e

cultural (conservación de técnicas e alimentos tradicionais)

Dende Sustinea lanzamos unha mensaxe: convidamos aos veciños e veciñas a participar nas hortas urbanas, plantando ilusión, cultivando o ben común e, sobre todo, cultivando os nosos barrios ourensáns.

 

Máis información www.sustinea.com

 

Votación
1 votos
Etiquetas
Ourense ciudad Agricultura Parkinson Voluntariado
Comentarios