A praza do Ferro como símbolo da dimensión humana da cidade

La Voz

OURENSE CIUDAD

26 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Vidal considera que a mellor definición do seu traballo está resumida na frase dun crítico de arte: «De Pablos escribiu unha vez, coincidindo cunha exposición que fixen en Vigo, que ‘Manuel Vidal ha dejado de ser un pintor de hoy para ser un pintor de siempre’».

Non deixa marxe de manobra o artista á hora de escoller o seu espazo na cidade. Á praza do Ferro ten acudido en varias ocasións para pintar este lugar emblemático de Ourense. «Aquí, nesta praza, está a proporción do humano. Do autenticamente humano. Nas grandes moles, que poden resultar máis ou menos estéticas, non está. Na praza do Ferro dáse a conxunción de moitas cousas: estos edificios falan de artesáns, de oficios e de arte. Eses balcóns fíxoos un ferreiro, aquel escudo e a fachada creounos un canteiro -e hoxe hai escultores que son incapaces de facer iso-. E esas portas, algunhas xa alteradas e cambiadas, foron elaboradas por carpinteiros e mestres. A fonte dá conta do paso do tempo, a harmonía e a beleza».

Para o artista, a historia de Ourense está contada na praza e na súa evolución ao longo do tempo.