«Aos rapaces cústalles ao principio seguir a norma de non usar o móbil»

Fina Ulloa
Fina Ulloa OURENSE

OURENSE CIUDAD

MIGUEL VILLAR

Este pontino representa para moitas xeracións de ourensáns a cara máis coñecida do colectivo

26 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A asociación Amencer naceu por iniciativa de tres profesores salesianos -Paloma Bravo, Mauricio Paniagua e Lola Martínez- e dun grupo alumnos que estaban facendo COU en febreiro do 1987, data na que se firmou a acta fundacional no despacho do notario Manuel Martínez. O obxectivo era pór en marcha unha ferramenta que permitise dar unha resposta educativa para o tempo libre tanto aos nenos do colexio María Auxiliadora como aos do resto de Ourense. Unha década despois chegaba ao centro educativo, e á asociación, Xulio César Iglesias; un pontino, antigo alumno do centro, que acababa de rematar as carreiras de Pedagoxía e Filosofía en Madrid. Hoxe é posiblemente a cara que todos os ourensáns máis identifican coa entidade.

-¿Como era daquela o colectivo?

-Eu cheguei nun momento no que había un cambio xeracional. É algo que ocorre cando os estudantes rematan o seu ciclo formativo no colexio porque a participación funciona moito por xeracións, por grupos e pandillas. Daquela moitos marchaban fóra de Ourense, porque a oferta de estudos superiores aquí era moi limitada. Foi entón cando decidimos empezar de cero, dende a base, cos máis pequenos seguindo o modelo de don Bosco e abrindo máis a entidade a nenos de fora do colexio. Non había moitos medios, nin tiñamos o que hoxe temos aquí, pero había moita ilusión e ganas. As orixes teñen iso de bonito, que é que hai que construílo todo.

-¿Cantos eran nesa etapa?

-En número de rapaces non me lembro, pero moitísimos menos que hoxe, claro. O que si teño na cabeza é que nas asembleas éramos oito ou nove socios. E monitores apenas unha ducia, como se ve nas fotos das xuntanzas. Hoxe son cento e pico. Ben é certo que aqueles doce eran xente que tiñan un compromiso distinto, moi forte.

-¿Hoxe non o hai?

-Si, pero cambiou. Conste que iso non é bo nin malo. A sociedade marca este tipo de cambios. Agora temos máis voluntariado de horas, de fracción digamos, pero cada vez costa máis atopar aquel tipo de persoa que asumía a asociación como propia, máis militante por dicilo cun termo que xa non se utiliza. Iso nótase por exemplo á hora de presentar candidaturas para a presidencia. Antes había non só máis propostas senón con proxectos que propoñían diferenzas interesantes. Hoxe hai que animar á xente para que se presente.

-¿Tamén percibe un cambio nos propios rapaces que acoden á oferta lúdica da entidade?

-Tamén, si. Entre outras cousas polo concepto do ocio no mundo dixital, tendente ao illamento. O que no principio pensabamos que era unha ferramenta máis para a diversión agora supón unha barreira para a relación persoal, para que se socialicen e aprendan a facer cousas xuntos e cara a cara, que é o que buscamos sempre coas actividades de Amencer. Aos rapaces cústalles ao principio seguir a norma de non usar o móbil mentres estamos divertíndonos en grupo. Iso si, afortunadamente cando perden esa tendencia, danse conta de que o pasan mellor. E conste que non vou en contra dos novos canles de comunicación, Eu teño e uso Instagram, Facebook ou WhatsApp.

-¿Como explica que a entidade non se resinta da tendencia antirrelixiosa e medre pese a que se definen cunha liña cristián?

-A nosa intencionalidade pedagóxica está clara. Eu penso que nun mundo pluralista como no que estamos é bo indicalo. Practicamos un humanismo que chamamos cristián potenciando valores como o da solidariedade, a acollida, a fraternidade, o respecto ao prójimo... Para outros eses son simplemente valores sociais, pero para nós son cristiáns. Que o campamento urbano acolla a todos, independentemente da crenza, e sexa gratuíto para que o económico non marque diferenzas, para nós é unha actitude cristián. Non fai falla rezar para que siga a filosofía cristián. Tamén penso que marca a diferenza o feito de que a nosa oferta é claramente educativa; non ten un enfoque de sacar diñeiro. Nós nunca dixemos que non a organizar cousas para outras entidades cando no lo pediron sen pasar factura. Penso que iso nos abriu moitas portas.

«O proteccionismo da sociedade e da administración está a limitar moito a actividade»

Polas instalacións que Amencer ten no colexio María Auxiliadora pasan centos de rapaces cada mes. Pero o espazo que hoxe ocupan non ten nada que ver co que se atopou Xulio César Iglesias cando chegou.

-¿Custou moito ir facéndose con novas salas para atender o incremento da demanda?

-Non porque houbo unha persoa, Filiberto Rodríquez, que foi director do colexio e que apostou firmemente por Amencer. Eu sempre o digo, e non quero ofender a ninguén, pero el foi o primeiro que o viu claro e cedeu o baixo do centro para o colectivo xuvenil. Naquela época se estaba estudando pór en marcha a aula de infantil, que este colexio non tiña; e había quen apostaba por creala neste espazo porque tería acceso aos xardíns. Tamén cando montamos o bar e a sala aberta entramos en competencia con outro proxecto de facer unha biblioteca, e daquela foi outro responsable, Ángel Fernández, quen apostou por nós.

-¿Que retos afronta una entidade como esta na actualidade?

-O principal é seguir adaptándonos aos tempos sendo capaces de dar a resposta que queremos para o ocio educativo. Hoxe temos o proteccionismo cada vez maior da sociedade e da Administración incluso, que está a limitar moito a actividade das entidades deste tipo. Independentemente de que como pedagogo considero que coa sobreprotección estamos infantilizando ás novas xeracións evitando que aprendan a asumir responsabilidades, podo entender ata certo punto o familiar, pero non o institucional. A Administración esixe o risco cero, pero iso non existe. E menos no tempo libre, no que non estás encerrado nun aula con 25 rapaces sentados nos pupitres. Un campamento urbano, unha praia ou unha piscina son espazos ben distintos.