Ramón Loureiro recupera as súas conversas con Carlos Casares nunha publicación

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

xmr

O salón de tertulias do Liceo de Ourense acolleu a presentación da obra editada por Trifolium

26 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Se hai un espazo en Ourense que garde a memoria da figura e a obra de Carlos Casares ese é o Liceo. E na que o escritor definiu como a súa segunda casa, no salón de tertulias que sabe das súas horas de conversa e que amosa a placa que lembra ao autor, presentou onte Ramón Loureiro a publicación Casares, obra que recupera as conversas que os dous mantiveron uns días antes da morte do autor de Vento ferido. O xornalista e escritor desvelou no acto que dende o primeiro momento sabía que «a primeira presentación desta obra tiña que ser en Ourense porque aquí el está presente».

Loureiro estivo acompañado no acto por Xavier Casares, presidente do Liceo e da Fundación Casares -ademais de ser irmán do autor ao que se lle adican as Letras Galegas 2017-, e Xan Arias -responsábel da editorial Trifolium-. Como lembrou o escritor e xornalista, Casares é a historia dun libro que nunca existiu: Loureiro e o autor de O sol do verán iniciaron unhas sesións de conversas, na casa do escritor en Nigrán, e aos poucos días finaba o autor ourensán. Agora Loureiro recuperou aquelas conversas para que quedase constancia das mesmas.

O xornalista e escritor, como sinalou onte no Liceo, dixo na presentación que «hai cousas de Casares que non se deben deixar de dicir. Entre outras que foi unha persoa excepcional, un escritor fóra do normal e cunha grandeza que residía en convertir a vida en literatura todos os días -el sempre me recomendaba ler a Pla e a Camba- e que Galicia foi inxusta con el, porque o deixou ir sen darlle as grazas como se merecía. Foi unha das figuras centrais da Galicia do século XX. E como dixo Manolo Rivas á súa morte, o último dos vellos galeguistas».

O autor de Casares reiterou que a obra editada por Trifolium non é unha biografía e que o obxectivo que se marcou co seu traballo foi «recuperar unha conversa que el e máis eu tivemos uns días antes da súa morte. Merecía estar nunha publicación e este é un libro moi persoal; é o libro dun amigo... unha haxiografía, no sentido estricto da palabra».

As últimas fotos

Loureiro e Xan Arias salientaron que as fotografías que se reollen na obra, realizadas polo escritor cando tivo lugar a conversa, son as últimas imaxes que se lle fixeron ao escritor Carlos Casares en vida.