Xea sobre xeado

Noela Blanco OLLADAS DESDE OURENSE

OURENSE CIUDAD

07 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Otempo pode ir da man do traballo no campo, ou como a pasada semana darlle as costas e converterse no seu inimigo íntimo. Resultaría simple de máis e irresponsable levantar a cabeza e mirar cara o ceo para botarlle a culpa da seca deste inverno e das recentes xeadas, que queimaron as esperanzas dos que dedicaron o seu tempo e esforzo a coidar con agarimo das cepas, a un capricho do destino ou a unha vinganza divina.

Algo ou moito digo eu terá que ver o cambio climático, ese ente abstracto que os que viven nas cidades relacionan con esa imaxe tan coñecida das campañas de Greenpeace dun oso polar facendo equilibrios para non caer dun anaco de xeo no Polo norte, pero que a xente do campo visualiza directamente dende hai tempo no seu día a día polo efecto que no froito do seu traballo teñen nos derradeiros anos invernos de altas temperaturas e secos de máis.

Se temos en conta que o compromiso do noso goberno co sector vitivinícola está baseado en empregar as presidencias das denominacións de orixe como cama elástica para saltar a cargos políticos, en tentar impoñer o modelo Falcon Crest de adegas propietarias dos viñedos e forzar aos viticultores a converterse en xornaleiros, en repetir unha e outra vez copa en man que «viva el vino», e en fomentar dereitos de plantación para empresas que cada Nadal inundan as televisións de burbullas douradas de cava, está claro que estes días, en Ourense, xeou sobre xeado.

Ao drama de ver como esmorece nunha soa noite o traballo de meses e a incertidume de non saber cánto tempo tardarán en recuperarse economicamente deste duro golpe, os viticultores tiveron que engadir que por saír rapidamente a pedir axudas, o seu propio goberno os tratara como pedichóns, porque para quen considera que o rural é algo bucólico que se mantén a base de poesía e discursos, e non de xerar actividade, debe resultar moi difícil entender que os traballadores e traballadoras do campo teñen dereito a contar co impulso, apoio, e protección do seu goberno.