Óscar López, Os Lolailos, IES Otero Pedrayo e Auriense gañan os Maios

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

miguel villar

As mellores coplas foron as de Amencer e A ronda da Auriense, segundo o xurado

08 may 2017 . Actualizado a las 18:45 h.

A xornada festiva dos Maios chegaba con moi boas previsións, dado o número de inscritos, e as expectativas cumpríronse de cheo. A rúa do Paseo estivo ateigada de obras a concurso -un total de coarenta e tres- e o canto das coplas, a animación a cargo dos gaiteiros e cabezudos, os xogos para rapaces dos xardíns do Padre Feijoo e a presenza dos ourensáns que se achegaron para ver os traballos encheron de cor e participación os Maios 2017.

Os motivos e as tipoloxías foron do máis variado, dende os maios tradicionais de tipo piramidal aos artísticos e ás propostas con novos materiais -dende cartóns a botes de bebidas-, ás presentacións máis novidosas. A rúa do Paseo acolleu creacións tradicionais reproducindo cabaceiros, esculturas da cidade como A Castañeira e A Leiteira, a Ponte Vella, unha barca, unha muller muxindo unha vaca, un pastor, unha palloza, cruceiros ou as construccións de tipo piramidal -pechadas e abertas-. Tamén se puderon ver creacións figurativas con materiais como papel, cartón e outros produtos.

Na convocatoria dos Maios 2017 participaron dende os colectivos que acostuman a estar presentes na festa da primavera -da Auriense aos colexios da cidade ou as asociacións de veciños- a colectivos como a Marcha Mundial das Mulleres ou Greenpeace.

A decisión do xurado sinalou á obra Ratos de bibliotecas Cudeiro, de Óscar López González, como o mellor maio artístico. Na categoría de enxebres o premio foi para o Cruceiro As Dornas, da Asociación Cultural Os Lolailos. O premio ao mellor maio creativo foi para O Castro, obra realizada pola Anpa do IES Ramón Otero Pedrayo. No apartado infantil, o galardón foi para As crianzas da ronda da Auriense, de Eira Losada Fernández.

No que se refire ás coplas, o xurado encargado de conceder os premios do Maios 2017 decantáronse por O Afiador, da Asociación Xuvenil Amencer, como as mellores presentadas ao concurso. Na sección infantil foron elexidas como as mellores coplas as elaboradas por As crianzas da ronda da Auriense.

O Concello de Ourense apostou desta volta por organizar unha Romaría dos Maios na que se contase todo o día con animación e propostas de lecer. Durante toda a xornada traballouse na elaboración dun maio para que todas as persoas que pasaron polo Paseo coñecesen como se realiza unha obra deste tipo. Nos xardíns do Padre Feijoo houbo xogos para rapaces -dende A Ra á buxaina, pasando polos zancos ou os diferentes tipos de aros-. Logo da entrega de premios seguiu a festa cunha actuación musical.

Da corrupción política ao retraso do AVE, pasando polas cacas dos cans ou Venezuela

As coplas dos Maios son un dos sinais dunha festa ancestral que celebra a primavera, ao tempo que incide na crítica e na sátira da actualidade política e social. Os temas soen ser coincidentes en moitos dos casos, e a corrupción política primou este ano como referencia para unha grande parte das coplas elaboradas polos colexios, asociacións, grupos e colectivos que participaron na festa.

Os escándalos referidos ao saqueo das arcas públicas e o cobro de comisións por parte dos políticos sementou polas diferentes estrofas festivas os nomes de Mariano Rajoy, Esperanza Aguirre, a operación Lezo, as ras da expresidenta madrileña, as esmorgas e mensaxes aos «seus compiyoguis» e outras referencias. A crise e os enfrontamentos no PSOE tamén foron protagonistas nas coplas, como a situación que se está a vivir en Venezuela con Maduro ou as crises da política internacional: a ameaza de Le Pen en Francia, o brexit, a guerra de Siria, o novo escenario USA con Trump -coa recurrente referencia ao Pato Donald- ou a ameaza coreana cos misiles foron referencias nos cantos da festa da primavera. A reforma educativa ou os pais que se baten nos partidos de fútbol dos seus fillos tamén tiveron protagonismo.

En clave local os lugares comúns estiveron en situacións como o retraso da chegada do AVE a Ourense e a construcción da estación intermodal, as cacas dos cans que non recollen os seus propietarios e que lixan as rúas da cidade, as recurrentes promesas termais do hotel balneario, os enfrontamentos dos políticos locais ou os tiros do Mercadona.