Unha antoloxía sobre o autor

edith filgueira OURENSE

OURENSE CIUDAD

miguel villar

A Deputación edita un manual para que os centros escolares profundicen na figura do célebre autor

10 may 2017 . Actualizado a las 13:36 h.

Un total de sesenta e oito centros de Educación Secundaria da provincia de Ourense participarán na cuarta edición da Semana Escolar das Letras Galegas que organiza a Deputación. Para elo, a entidade editou un manual -baixo o nome de Carlos Casares e a Casa dos Poetas- no que se recolle a historia e a obra de doce artistas ourensáns galardoados coa adicación do Día das Letras Galegas na súa honra. Mais tamén se reflicten nesta guía que empregarán os alumnos dos centros, guiados polos seus mestres, personaxes do mundo da arquitectura, da pintura, do xornalismo, da escultura e do cine cuxa figura foi significativamente importante para Ourense e que a posicionaron no mapa da cultura. Llerena Perozo, a autora da antoloxía realizada para a ocasión, explicou que o obxectivo é aproveitar a celebración das Letras Galegas 2017 para «achegar á comunidade educativa unha ferramenta máis para que se coñeza máis de preto a produción literaria, a tradición e a cultura da provincia de Ourense». Deste xeito, arredor de 8.800 alumnos afondarán na figura do escritor ourensano.

Asemade, diversas entidades están a organizar as súas pequenas homenaxes ó autor de Xoguetes para un tempo prohibido ou Os mortos daquel verán. É o caso do Seminario Menor que onte levou a cabo unha mesa redonda na que se falou da importancia que tivo a Relixión nalgúns dos seus textos tras estudar alí nos seus anos de mozo, onde aproveitou para ler os clásicos da biblioteca. Tamén se inaugurou unha placa na súa memoria.

Por outra banda, o Concello de Trives ten programada, entre outras actividades, a presentación da vida e obra de Casares no Auditorio Julio Vázquez, aderezado con música e baile, o propio Día das Letras Galegas. Tamén haberá unha xinkana, o venres 19, onde os nenos terán que indagar na obra do escritor para ir superando probas consecutivamente, coa participación paralela de contacontos.

En O Barco de Valdeorras teñen previsto realizar un roteiro pola vida e obra do autor na Biblioteca Delgado Gurriarán, o día 15, e un concerto na Praza Maior o mércores 17 á conta de Xardín Desordenado. Tamén proxectarán films, levaráse a cabo unha maratón de lectura e interpretarase Os vellos non deben namorarse, nun contexto máis amplo da celebración da lingua galega ó longo de toda a semana.

A Real Filarmonía de Galicia e o Coro Xove da Orquestra Sinfónica, baixo a dirección de Maximino Zumalave, darán un concerto de balde no Auditorio Municipal de Ourense, o 16 de maio, en homenaxe ó que dende o ano 2003 xa é fillo predilecto da cidade de Ourense. Completarase así unha programación que durante unha semana estará adicada a un dos escritores máis representativos en lingua galega.