«Elixín ideais que teñen pouco éxito, pero non me arrepinto en absoluto»

Fina Ulloa
Fina Ulloa OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

MIGUEL VILLAR

O urólogo Carlos Guitián chegou a facer unha película con plastilina para explicar unha técnica cirúrxica

14 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Carlos Guitián Rodríguez foi o fillo número «tres de cinco», como el mesmo define. A expresión non pretende que o interlocutor bote conta da numerosa familia -el mesmo tivo seis fillos-, senón do lugar que lle tocou en sorte. «Era xusto o do medio e cando meus país collían o coche para ir de visita a Monforte a min nunca me tocaba, porque ou levaban ós dous maiores ou ós dous pequenos», conta entre risas. Non parece que iso o traumatizase gran cousa. Ou polo menos non tanto como cando entre seu pai -tamén médico- e súa nai -mestra- decidiron que tiña que ser avogado. «Eu quería ser médico, sempre me gustou; pero como xa tiña un irmán maior que estudara medicina, pensarían que había que diversificar», comenta. O caso é que o intentou. «Pero eu non podía con aquilo. Era terrible, e iso que fixen un ano e ata aprobei todo; pero díxenlle a meu pai que eu non quería seguir. E menos mal, porque sería un avogado malísimo», senteza.

O certo é que como médico non lle foi nada mal. Estivo máis de trinta anos exercendo no hospital ourensán, onde foi xefe de Uroloxía, e tivo tamén unha consulta privada á que acudían pacientes doutras provincias. É autor de numerosas publicacións científicas e foi un dos pioneiros en técnicas cirúrxicas como a da resección trasuretral endoscópica, que lle reportou fama nacional. «Sempre tiven moita habilidade coas mans», comenta como restándolle importancia. O certo é que esa técnica reportoulle un premio cinematográfico, o da Semana Internacional de Cine Médico de Motril en 1982, por un pequeno documental que fixera no ano 69 explicando cómo se executaba. «En realidade a culpa foi dun compañeiro médico do hospital que sempre me estaba dicindo que el non se explicaba como se podía operar sen abrir; así que decidín explicarllo facendo unha pequena película. Pero non dunha operación en vivo; fíxena con plastilina», aclara.

O cine é unha das súas afeccións de sempre -xunto co fútbol, segundo conta este seguidor confeso do Celta- e incluso estivo a punto de rodar unha película baseada na obra de Marcial Suárez O acomodador e outras narracións. «É un libro xenial, con moito humor, absolutamente recomendable», apunta. Aproveitou unha estancia hospitalaria en Madrid, a onde acudiu a facer unhas probas por un problema de saúde, para adaptala creando un guion «e mesmo empezamos a rodala, cun actor de teatro que coñecía, pero que era malísimo, moi esaxerado; e acabou marchando».

Aí rematou a súa traxectoria como director cinematográfico, aínda que non foi a única vena creativa que explorou Carlos Guitián. Tamén probou a escultura, en barro e pedra, e ata chegou a expoñer parte da súa obra. «Foi na época despois de perder un fillo no mar, que caín nun pouco de depresión e decidín buscar algo que aprender e ocupar a cabeza noutras cousas», lembra. Non moita xente coñece esa faceta súa, como tampouco que marchou a Arxentina e a Cuba con aparellos, algún seu e outros doados, para ensinar o manexo a médicos daqueles países. «Todo empezou porque me animou unha monxa en Cáritas», lembra. Guitián Rodríguez confésase anticlerical, pero houbo un momento da súa vida na que o propuxeron para dirixir esa entidade benéfica. «Nunca chegaron a nomearme, porque eu fixera un discurso no que dicía que a pobreza non había que remediala, había que evitala porque era unha inxustiza; e se ve que non gustou», evalúa. Pero a Guitián Rodríguez non lle faltaron causas polas que loitar. «Elexín ideais que teñen hoxe en día pouco éxito, pero non me arrepinto en absoluto. Volvería facer todo o que fixen», asegura. Un deles foi a defensa da lingua. Non o fixo con grandes discursos, senón a cotío dende a súa profesión, onde escribía en galego receitas e informes «que, por certo, algún me devolvía poñendo que non o entendía», lembra. Tamén corrixindo carteis de pobos «a brocha gorda». Fíxoo con varios, en segredo compartido só coa súa muller. Máis oficialmente, a labor facíase dende a Asociación Auriense. No repintado de sinais non foi a única vez que aflorou a súa faceta subversiva. Tamén se encadeou para evitar a construción dunha minicentral no Carballiño. Pero curiosamente o único que o levou a comisaría foi participar nunha misa. Foi nun 25 de xullo, en Santiago e na memoria de Rosalía de Castro no ano 69. «Cantamos o himno ó final e había moita policía. Cando xa a miña muller e eu nos encamiñábamos cara o coche, chameille a atención a un guardia que lle dixera algo de mala maneira a un home que había alí. Só lle pedín educación. E el pediume a min a documentación. Non foi gran cousa. Só pasei unha noite», comenta.

En primeira persoa

Quen é. Carlos Guitián Rodríguez naceu un 29 de abril de 1927. Estudou Medicina e especializouse en cirurxía no hospital de Sant Pau, e máis tarde encamiñouse á uroloxía. Foi un dos primeiros especialistas de España en utilizar a técnica da resección transuretral endoscópica, que aprendeu co célebre Luis Cifuentes Delatte en Madrid. Foi membro do Partido Socialista Galego fundado por Beiras, e exerceu un compromiso persoal incansable coa defensa da lingua, tanto no exercicio profesional como dende a Asociación Cultural Auriense, da que foi cofundador e vicepresidente dende 1967 a 1973.

O seu rincón. O Café Bohemio, na rúa da Paz, e concretamente o seu piso superior, apórtalle unha atmósfera na que di se sente «moi a gusto; supoño que é pola madeira que lle da un ambiente especial, e por ese aire sosegado doutra época que conserva», opina.