Ourense acolle o Concerto das Letras e Xinzo aos escritores

La Voz

OURENSE CIUDAD

Barbadás programou para hoxe unha sesión de maxia e O Carballiño un obradoiro infantil na Biblioteca

16 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que os actos centrais do Día das Letras Galegas terán lugar mañá en Xinzo de Limia, onde celebrará sesión extraordinaria a Real Academia Galega e onde se desenvolverá o acto institucional en lembranza do autor homenaxeado este ano, para hoxe xa están previstas varias iniciativas por toda a provincia.

ourense

Acto institucional. A súa cidade natal nomeouno no seu día fillo predilecto e desenvolveuse no Concello o acto oficial de entrega do recoñecemento. No mesmo salón de actos haberá hoxe, a partir das 12.00 horas, un acto institucional en memoria de Carlos Casares.

Placa en Bispo Cesáreo. Ás 13.00 horas procederase a descubrir unha placa-escultura na memoria do escritor. A peza de Xosé Cid quedará instalada na fachada posterior do Liceo de Ourense, sociedade que sumou recentemente á placa do salón de tertulias unha do Roteiro Carlos Casares. A Coral de Ruada interpretará varias pezas e o Himno Galego.

Concerto das Letras. Ás 20.30 horas, no Auditorio de Ourense. O Consello da Cultura Galega promove dende hai uns anos un concerto previo ao 17 de Maio como aportación á festa da cultura de Galicia. Este ano celébrase en Ourense e conta co valor engadido da estrea da peza A Formiga, unha composición de Rubén Vizcaíno sobre un personaxe de A Galiña Azul. Participan no Concerto das Letras a Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Maximino Zumalave, e o Coro Novo da Orquestra Sinfónica de Galicia, que dirixe Daniel G. Artés. Ao remate cantará a Coral de Ruada o Himno Galego xunto aos demais participantes no concerto.

campus de ourense

Teatro e contacontos. O campus de Ourense súmase á celebración cunha programación dedicada ao escritor homenaxeado nesta edición. As actividades comezarán cunha adaptación da peza As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, dirixida pola docente da Facultade de Ciencias da Educación Isabel Mociño e interpretada por alumnado de cuarto curso do grao de Educación Primaria. Seguiralle unha actuación de Susa Herrara, contacontos e docente, acompañada por estudantes dos graos de Primaria e Infantil. O acto estará aberto a todas as persoas interesadas e contará con alumnado da escola de educación infantil do campus. A programación en honor ao protagonista das Letras Galegas continuará en xuño coa exposición As caras dos libros.

sala valente

Mostra da Fundación. Ata o día 21 poderase visitar a mostra Os mundos de Carlos Casares. Está composta por uns cincocentos documentos vencellados ao escritor. Foi comisariada por Chus Martínez e Gustavo Garrido.

xinzo de limia

Presentación de «Á marxe da Limia». Ás 20.00 horas preséntase, na Casa da Cultura, unha edición promovida polo Concello de Xinzo dos artigos Á marxe de Carlos Casares. É unha selección de textos con referencias a Xinzo.

Foro de escritores limiaos. Comeza ás 20.30 horas, no mesmo escenario. Nesta terceira edición do foro, que leva por título Faladoiro arredor de Carlos Casares, contarase coas voces de familiares e amigos para afondar na vida e o universo creativo do escritor. Ao rematar actuará o Coro Aimil.

Tributo musical. Para esta medianoite está programado o concerto do grupo Ruta. O cita en homenaxe ao protagonista das Letras Galegas 2017 será na praza que leva o seu nome na capital da comarca de A Limia.

Barbadás

Maxia e humor. Na Casa da Cultura Manuel María, situada en A Valenzá, poderase disfrutar do espectáculo de Leo Leíño Maxia e humor. Entre libros anda a maxia. Comenzará ás 12.30 horas.

o carballiño

Roteiro Manuel María. A Agrcupación Cultural Avantar celebra unha nova edición deste roteiro. Participarán centros de ensino do pobo e a saída está prevista para as 10.00 horas, dende o Gran Balneario do Carballiño.

Obradoiros na biblioteca. No espazo municipal estase a desenvolver un programa de animación á lectura, tomando como base textos do escritor limiano. Para esta tarde, de 18.00 a 20.00 horas, está previsto traballar con A Galiña Azul e As andainas de Toribio.

Actuación. O coro Música Viva ofrece o seu tradicional concerto na honra do autor das Letras Galegas no Casino. 20.30 horas.