«Falar de Casares é facelo de humor; era o rei das sobremesas»

OURENSE CIUDAD

Antía Otero

O ilustrador achegará esta tarde as súas vivencias con Carlos Casares, con quen compartiu moitas conversas

24 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • 20.00 horas • Liceo • Gratuíto • Continuando coa actividade das Letras Galegas, o Liceo organiza hoxe unha charla do ilustrador Siro López, quen presenta a conferencia «Carlos Casares. Vivencias compartidas».

-¿De que faceta nos falará?

-Falando de Carlos, evidentemente hai que falar de humor, porque el pasou toda a vida facendo rir aos compañeiros e amigos. Era o rei das sobremesas. De todas maneiras eu titulo a conferencia «Vivencias compartidas», porque falo da relación de amizade que tivemos dende 1972, cando nos coñecemos. Fun dar a primeira conferencia en Ourense porque el me levou, fixen a primeira exposición alí por el... Vou falar das miñas vivencias. E o humor estará presente.

-¿Era unha necesidade para vostede dar esta conferencia?

-Cheguei á conclusión de que Carlos Casares era unha figura única en Galicia. Tiña unha personalidade moi complexa e, como escritor, dos mais talentosos que tivemos. Pero, sen embargo, deume a impresión, e creo que é unha evidencia, que este ano o Día das Letras non se celebrou nas asociacións veciñais tanto como se debería. Pareceume que non se falou da súa figura e da súa obra dabondo. E entón, fixen o que nunca fago, que é ofrecerme para dar conferencias. É unha maneira de amañar a miña conciencia, porque eu tiña unha débeda de amizade con Carlos Casares.

-¿Cre que faltou facer algo máis por Casares?

-Falo en canto a actividades nas diferentes asociacións culturais. Se o comparamos, por exemplo, co ano pasado, nótase.

-¿Que destacaría da súa personalidade?

-Eu quero recordar ao Carlos Casares que coñecín e admirei e con quen pasei tantas horas moi divertidas. Pero tamén ao home que non lle importaba enfrontarse con quen fose para defender a un amigo. Nese aspecto, creo que tamén é unha personaxe moi importante. Irei tocando diferentes teclas da súa personalidade. Ó mais evidente era a súa simpatía e graza persoal, pero tamén era un home moi sensato e moi leal. Como escritor, ¡que dicir! Era un gran fabulador. Calquera feito real, por insignificante que fose, era capaz de convertelo nun artigo marabilloso.