Dúas escritoras ourensás figuran entre as propostas das Letras Galegas

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

OSCAR VíFER

Reivindican que se adique a unha muller a edición do 2018 e aportan dez candidatas

13 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que o protagonismo das Letras Galegas reserva propostas vencelladas á figura que homenaxea durante todo o ano, o certo é que pasado o 17 de Maio as iniciativas comezan a espallarse. É o momento en que agroman nomes e propostas para sensibilizar á Real Academia Galega de cara á elección da persoa que será a referencia na festa da cultura do vindeiro ano.

A RAG tomará a decisión nas vindeiras semanas e dende o colectivo Polo Correo do Vento ven de comezar unha campaña reivindicando que a persoa homenaxeada no 2018 sexa unha muller. Lembran que só houbo tres ás que se lle adicaron as Letras Galegas en 55 anos -Rosalía de Castro (1963), Francisca Herrera (1987) e María Mariño (2007)- e propoñen dez nomes para o vindeiro ano: Avelina Valladares, Belén Feliú, Clara Corral Aller, Filomena Dato, Luísa Villalta, María Tobío, María Victoria Moreno, Pura Vázquez, Xela Arias e Xosefa Iglesias Vilarelle. No caso de Xela Arias, a poeta finada prematuramente, o nome xa ten figurado nos últimos anos nas quinielas para o 17 de Maio.

O colectivo que promove a iniciatva está demandando apoios a colectivos e institucións e facilita unha carta para remitir á RAG.

Xunto a esta relación de mulleres, na que figuran as ourensás Filomena Dato e Pura Vázquez, tamén se están promovendo outro tipo de propostas. Dende Valdeorras seguen a reclamarse as Letras Galegas para Florencio Delgado Gurriarán e Dodro propón a Eusebio Lourenzo Baleirón.

Pura Vázquez, unha pioneira na literatura infantil e xuvenil

Pura Vázquez (Ourense, 1918-2006) desenvolveu unha ampla actividade cultural e creativa. Otero guiou as súas primeiras inquedanzas, era a época do instituto, para publicar en La Zarpa. Exerceu como mestra en diferentes partes do Estado e emigrou a Venezuela en dúas ocasións. Os Aldán foron a América é a súa única novela longa e centrou o seu labor creativo na poesía e na literatura infantil e xuvenil. Nesta faceta foi pioneira no xénero. Títulos como Man que escribiu no mar, Anos de navegar, Desmemoriado río e Se digo Ourense son algunhas das súas obras.

Filomena Dato, a poeta galega máis premiada do século XIX e con próxima homenaxe

Filomena Dato (Ourense, 1856 - A Coruña, 1929) foi a poeta galega máis premiada do século XIX e a segunda escritora que publica un libro en galego nesa centuria-a primeira foi Rosalía de Castro-. No certame que a cidade convocaba en homenaxe ao Padre Feijoo foi premiada, en 1887, polo seu texto más coñecido: o que leva por título Defensa d’as mulleres -que logo figurou no seu libro Follatos-. Foi colaboradora de prensa, tertuliana e compartiu inquedanzas feministas con Sofía Casanovas, Emilia Pardo Bazán, Fanny Rubio e outras intelectuais do seu tempo. En 1906, cando se crea a Academia, foi nomeada «académica correspondente». O presidente da RAG amosaba hai uns días o interese da institución en participar na homenaxe á autora que están organizando a Asociación Irmáns Suárez Picallo e o Concello de Bergondo.