«Hay que mover as cadeiras e as ideas»

TEXTO: CARLOS CRESPO

OURENSE CIUDAD

CEDIDA

Disco novo e unha xira intensa, semella que o 2017 é o ano de O Sonoro Maxín

23 jun 2017 . Actualizado a las 08:46 h.

O sete e o dezasete son números que non se deixan dividir por calquera. Pero son tamén os días de feira en Ourense. De aí o título do novo disco, o segundo en dez anos, deste combo ourensán que dignifica con festivo orgullo as músicas populares das nosas romerías, avogando con feituras propias e moi de agradecer polo tropicalismo galego. Dálle cumbia!

-Disco novo, xira intensa e premio Martín Códax da Música. Non terán queixa deste 2017?

-Dende logo que non. Estamos moi contentos. Porque ademais como nós somos un grupo que toca moito e grava pouco sempre temos a dúbida de que sucederá cando sae a gravación.

-Iso pasou dúas veces en dez anos.

-É que cando temos cancións novas preferimos integralas no repertorio a gravalas.

-O directo do Sonoro Maxín é arroiador. Preocúpalles se cadra que o disco non reflicta esa intensidade?

-No primeiro disco si que buscabamos que soase moi parecido ao directo. Neste segundo non. Hai cancións que sabemos que non as imos poder tocar en directo tal e como están no disco. Non nos preocupa.

-Hai dez anos reivindicar a cumbia e os ritmos latinos semellaba «demodé». Hoxe resulta que é o máis «cool».

-Os ritmos latinos sempre estiveron aí. O que pasa é que se relacionaba máis coas osquestras. Nós non inventamos nada. É unha casualidade que agora si que funcionen no circuíto no que nos movemos.

-Dende propostas tan distintas como vós mesmos, Caxade ou Os Amigos dos Músicos reividíncase a música popular das nosas festas. Calará esa mensaxe nas novas xeracións?

-Eu agardo que si. É certo que en Galicia o popular víase como algo negativo, como algo que non estaba dignificado ou a altura doutras músicas, incluso tradicionais. Xa ía sendo hora de que se vexa como algo normal. E de cara a favorecer esa normalización é importante que os grupos fagamos as nosas composicións propias, que non estean soamente baseadas en versións de temas tradicionais ou de grupos alleos.

-Sen esquecer o compromiso, outro dos sinais de identidade do Sonor Maxín.

-É importante que no popular ademais de mover os pés e as cadeiras tamén se movan un pouco as ideas e as conciencias e que un poida falar das cousas que lle preocupan. E que tamén sexa algo natural. Porque iso tamén ten cabida no baile.

-Ademais do tropicalismo galego avogades, logo tamén, pola verbena reivindicativa?

-Si, claro. O baile é alegría e ten a súa parte de despreocupación pero iso non ten por que levar consigo a indiferenza. Para nós no concepto de verbena popular galega sempre tiveron cabida a fusión de elementos moi diversos. De aí a súa riqueza.

-Unha palabra que defina ao Sonoro Maxín?

-Pois seguramente, festa popular.