A culpa de quen é?

Noela Blanco OLLADAS DESDE OURENSE

OURENSE CIUDAD

23 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Se a Concellería de Asuntos Sociais de Ourense retrasou durante o comezo do curso 2016-2017 a convocatoria das bolsas para adquisición de libros de texto, material escolar e comedores, a culpa de quen é? Da oposición.

Se nunha cidade donde a pesares de que a causa da emigración estamos perdendo xeracións enteiras, e na que o 47,9% dos desempregados levan máis dun ano na lista do paro, o plan de emprego de 3 millóns de euros aprobado no ano 2014 segue pendente de executarse, a culpa de quen é? Da oposición.

Se aínda que estamos no ano 2017 os orzamentos que temos vixentes na cidade son os do 2014, todo elo a pesares de que xa pasamos o ecuador da lexislatura municipal, a culpa de quen é? Da oposición.

Se a limpeza nas rúas de Ourense brilla pola súa ausencia, e os parques e xardíns están abandonados, a culpa de quen é? Da oposición.

E por suposto, se os servizos sociais que presta o Concello de Ourense están nunha situación límite e avanzan de maneira imparable cara o colapso despois de que o orzamento da área esgotase xa as partidas deste exercicio, poñéndose en risco os servizos de axuda a domicilio, comedor sobre rodas, centro de día, centros cívicos, prevención da violencia machista, bolsas escolares... a culpa de quen é? Da oposición.

O certo é que en Ourense temos un equipo de goberno municipal que co seu alcalde ao fronte actúa no referente a asumir responsabilidades como os meniños cando queren evitar un castigo: sinalando co dedo aos de enfronte. Unha teima, a de buscar culpables fóra dun mesmo, que pode colar unha vez, mesmo dúas, pero que ao igual que pasa cos máis pequenos, cando se abusa de culpar aos demais, non resulta crible.

Dentro das obrigas de todo gobernante non soamente está o xestionar os recursos públicos da maneira máis organizada e eficiente posible, sempre baixo criterios de ética e transparencia, senón tamén a de asumir os erros, porque non pode ser que sempre que se acerte sexa unha virtude propia, e que cando haxa erros a responsabilidade sexa allea.