«Queremos conseguir reunir a todos os veciños de Armariz»

laura parada / r. n.

OURENSE CIUDAD

Álvaro Vaquero

A novena edición da andaina solidaria colabora este ano coa asociación Alcer. Doarase a metade da inscrición

25 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Marcos Tesouro, presidente da asociación de veciños San Ramón de Armariz, destaca que a novena edición da andaina solidaria ten como obxectivo conseguir unir máis aos veciños e promocionar a zona. Ademais tamén se farán sorteos de varios premios entre os participantes como un paseo en catamarán.

-¿Que é o que pretende conseguir a asociación de veciños con esta actividade?

-Por unha parte lograr que todo o pobo se xunte e pasar un gran día e, por outro lado, queremos que os mozos coñezan o entorno no que se criaron os seus pais e avós. E por último con esta andaina tamén fomentamos unha práctica saudable como é a de facer deporte.

-¿Cantos quilómetros ten esta ruta?

-É unha andaina curta de doce quilómetros e dunha dificultade baixa-media, apta para todos os veciños. Ademais o percorrido é sombrizo, discorre polo lado do río e por zonas con abundantes árbores, polo que anima bastante a que a xente se apunte para pasar un día disfrutando da natureza. Tamén levaremos bocadillos, auga e froita para repoñer forzas.

-¿Desde cando colaboran con entidades benéficas?

-Desde fai xa catro anos na asociación de veciños decidiuse que unha boa idea sería contribuír con algunha fundación sen ánimo de lucro. Neste caso optouse por colaborar con Alcer. A inscrición para poder participar será de cinco euros e doaremos a metade do que consigamos recadar, é dicir 2,5 euros por participante.

-¿A cantas persoas pensan reunir?

-Para estar case empezando o mes de agosto, estamos xuntando entre 200 e 250 persoas. Para un pobo pequeno, consideramos que é un número importante.

-¿Que día se celebra?

-Celébrase o primeiro sábado de agosto, este ano será o día 5. Nun primeiro momento esta data non coincidía con ningún outro evento similar e ademais tamén é cando máis xente chega a Armariz, aproveitando as vacacións de verán.