Ramón Caride: «O obxectivo do libro é manter a intensidade e atrapar ao lector»

x. m. r.

OURENSE CIUDAD

Martina Miser

O escritor propón en «A velocidade crítica» trinta e cinco historias cun límite de dous folios

14 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Ramón Caride Ogando volve a casa por partida dobre. O escritor de San Cristovo de Cea participou este mércores nunha actividade no Campus de Ourense e o venres estará de novo na cidade. Daquela a cita será na Libraría Eixo, onde presentará a súa nova entrega editorial: o libro de relatos «A velocidade crítica». Será ás 19.00 horas e no acto estará acompañado por Jorge Emilio Bóveda e Xerardo Méndez.

-Trinta e cinco pezas e unha extensión máxima.

-Estiven experimentando con diferentes medidas e cheguei á conclusión de que dous folios é a extensión que permite concentrar a intensidade e manter o interese para atrapar ao lector. Ademais quería pezas que se lesen dunha vez, sen deixar a medias a historia.

-Foi quen de autolimitarse?

-Todas, menos unha das historias, cumpren o requisito. No caso dunha decidín que non debía cortar o que tiña escrito para non desvirtuala. Tamén deixei fóra algunhas porque eran nostálxicas ou melancólicas, e rachaban a unidade.

-Criterio que pasa polas historias da vida cotiá.

-Si. Neste proxecto quixen centrarme no que poden ser historias absurdas, episodios que se viven no día a día e nos que non reparamos ata que nos afectan a nós e cousas polo estilo. Moitas son novas da prensa, episodios acontecidos a xente do meu entorno, mesmo a min... cousas sinxelas do común, do que tes á beira. Co obxectivo de ofrecer relatos que deixen pegada ou que causen impacto no lector. Son de médicos, de profesores, de escritores e prima o discurso do vulgar, non de pasados marabillosos ou de esplendores futuros.

-Terá continuidade este formato de esixencias concretas?

-Seguramente. Estou vendo que «A velocidade crítica» está tendo moi boa acollida, que son historias que enganchan ao lector, e creo que debo seguir nesta liña.