A eternidade na Limia

Delfín Caseiro FIRMA INVITADA

RAIRIZ DE VEIGA

C. A.

13 sep 2021 . Actualizado a las 13:16 h.

Opoeta Antón Tovar ordenou vivir a eternidade na chaira da Limia, por onde gustaba de camiñar en compañía da súa amada. O poema A Limia resulta ben explícito: «A Limia é a miña terra. // Quero que cando morra me poñan na campa silandeira / dos mortos da miña nai. A que me ergueu, na Limia, / cara o enemigo mundo no que sufrín e máis gocei / ergueito na túa carne, muller miña». Inmortal na palabra literaria, labranza paciente da leira da fala que o rapaz curioso escoitaba fascinado da boca dos campesiños e anotaba con emoción no caderno do saber (alí bulían xa vocábulos tan queridos como bugallo ou esgutío). Nacía unha paixón verbal que había de andar con el toda a vida.

Hai vinte anos, o concello de Rairiz de Veiga designábao Fillo Predilecto, dáballe o seu nome á biblioteca municipal e colocaba placa conmemorativa na casa natal da Pereira. A entidade vai ser depositaria do tesouro de manuscritos e primeiras edicións de todos os seus libros, doazón xenerosa dos herdeiros do escritor.

O Museo da Limia (Vilar de Santos), que recrea nunha sala a taberna do comercio dos Bobillo da Pereira, acolle durante os meses de setembro e outubro unha exposición representativa arredor do escritor para conmemorar o centenario do seu nacemento (A Pereira - Rairiz de Veiga, 26 de outubro de 1921) e para vitalizar a súa presenza e a súa fascinante creación literaria.

Podemos contemplar os debuxos, realizados polo xenial artista do barro Arturo Baltar, para ilustrar o primeiro libro publicado polo poeta, El tren y las cosas (1960), co que gañara o Premio Marina de Poesía no ano 1959, celebrado pola crítica como un poemario de alto nivel. Carlos Casares contaba que este fora o primeiro libro dedicado por autor vivo que tivera na súas mans, o que lle causara intensa emoción.

Alí está, entre outros moitos, o manuscrito do sorprendente Cadáver adiado (2001), o último poemario publicado, con resonancias manifestas do venerado Fernando Pessoa.

Entre unha obra e outra, as primeiras edicións de todas as súas publicacións: oito libros de poesía galega, oito libros de poesía española, dous libros de memorias e un libro de relatos.

O seu primeiro poemario galego, Arredores (1962), é xa creación de madureza que encerra toda a diversidade temática do universo tovariano. Especial repercusión ha de ter o libro Non (1967), editado por Tanco, berro abouxante de rexeitamento da opresión e a inxustiza, aclamado por fervorosos lectores clandestinos. O premiado e moi recoñecido Calados esconxuros (1980) é un excitante exercicio de indagación lingüística e de reivindicación do idioma, e á vez manifesto poético contra algunhas críticas pouco afortunadas.

Acompañan os textos editados interesante repertorio de fotografías das distintas etapas da existencia do autor (cedidas por entidades ou por particulares), algunhas mostras de manuscritos das composicións (unhas editadas, outras inéditas), así como algunhas papeletas do seu inédito Dicionario Ideolóxico Galego, ordenado en máis de trinta campos semánticos e ao que debeu dedicar millares de horas de traballo.

Tamén está o seu bastón, agasallo dunha familia ourensá, cos manuscritos de dous poemas de gabanza que lle dedica.

A exposición, dinámica e aberta, aínda campa moito máis cos fermosos galanos achegados polos nosos artistas plásticos: Xosé Lois Carreira, Toño Monteiro, Xaime Quessada, Victoria Taboada, Manuel Traveso, etcétera.

Queremos vivir sen tempo Antón Tovar para sermos arrieiros das palabras de luz que iluminan os días, na admiración e na gratitude, contra a desmemoria e o silencio, no compromiso de lealdade coa fala e a beleza.

Delfín Caseiro é presidente do Padroado do Museo da Limia