«A filosofía do meu traballo é sorprender con obxectos poéticos»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

SAN CRISTOVO DE CEA

Santi M. Amil

A artista creou Mágicos Gagarin en Pazos (Cea) e exporta as súas caixas de música

25 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Artesanía de Galicia participaba en xaneiro na feira Formex, de Estocolmo. A representación galega estaba composta por traballos elaborados por trinta e seis creadores e entre os dous proxectos que se incorporaban por vez primeira a estas iniciativas internacionais figuraba unha que botou a andar hai uns meses no pobo de Pazos, en San Cristovo de Cea. Mágicos Gagarin é o proxecto persoal de Iris Blanco, unha creadora ourensá que se formou na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e que apostou por unha casa que a familia tiña en Pazos para facer deste lugar o centro das súas inquedanzas artísticas.

Mágicos Gagarin conta cunha gama de produtos que se centran na cerámica e na ilustración. O seus corazóns sonoros ou corazóns anatómicos, en distintas versións e con melodías a escoller -La vie en rose, Imagine, My way, Claro de luna (Debussy)-, as cuncas en aceiro esmaltado -con modelos que van do Toxos ao Carballos, pasando polas cuncas de Cans ou de Gatos, entre outras- ou as denominadas como esculturas blandas -coxíns de tea con figuras coñecidas -de Castelao a Bowie e de Rosalía a Frida Kahlo- forman parte do seu catálogo. E como non, un cosmonauta.

A Iris Blanco chamáballe a cerámica, e logo de licenciarse apostou por esta faceta. «Fun a cursos en Vigo e logo fixen olería en Ourense, na Escola de Artes e Oficios da Deputación de Ourense», lembra a artesá ao tempo que sinala que Mágicos Gagarin é o seu segundo proxecto: «Antes promovín outra proposta cunha amiga, aínda que ao pouco deixámolo. Esta nova experiencia arrancou en maio do 2016 e elexín unha casa que tiña a familia en Pazos polas necesidades que tes para este traballo. Montar un forno cerámico e todo o que necesitas para traballar require moito espazo», sinala Blanco. As súas caixas de música, os corazóns, viaxaron á feira de Estocolmo... e por alá seguirán, xa que a súa experiencia en Formex serviulle para xerar demanda. «Agora mándoos para Noruega porque mos piden dunha tenda de alí», di a artesá.

O nome da súa experiencia artística conxuga os seus obxectivos e afeccións. Aposta por produtos que contaxien aos que os mercan esa maxia e ilusión con que os crea e a súa paixón polo espazo e por figuras míticas, como o cosmonauta ruso Yuri Gagarin, definen o seu proxecto. Traballa entre Ourense e Cea e as súas pezas de artesanía comercialízanse dende as tendas especializadas, mercados de deseño e por internet, aínda que Iris Blanco ten claro que «as miñas pezas hai que velas porque así é cando transmiten a filosofía do meu traballo, que é sorprender con obxectos poéticos».

Aínda que a escultura en cerámica e a ilustración aplicada a diferentes produtos centran a liña de traballo de Mágicos Gagarin, Blanco móvese tamén noutras iniciativas. Traballa nunha novela gráfica, de título La cosmonauta, e xa publicou a súa primeira entrega. Segue no proxecto e conta con rematar axiña o segundo volume desta serie. E para este ano Iris Blanco conta con engadir unha nova experiencia á súa faceta creativa: «Estoume adicando bastante á escultura e o meu obxectivo é facer unha exposición. Era algo que antes non contemplaba, mais agora quero facelo».