«Sempre escribo as novelas guiado por un impulso vital»

edith figueira

SAN CRISTOVO DE CEA

MONICA IRAGO

O autor presentará a súa novela máis recente, «Terra Quiemada», no lugar no que creceu

07 abr 2017 . Actualizado a las 12:27 h.

Non sabe de onde lle ven a afición pola lectura e a escritura, aínda que o seu pai tiña moitos libros na casa, pese a non ser un afeccionado á mesma. Ramón Caride lembra rapidamente a súa primeira mestra como impulsora desa soltura coas palabras que xa o levou a publicar algo máis de medio cento de libros -entre poesía, ensaio e novela-. Góstanlle as historias con pulso, como as novelas policiacas ou de terror, as de aventuras ou todas aquelas que lle proporcionen un enganche ó lector. Quizais por iso Edgar Allan Poe, Charles Dickens ou Robert Louis Stevenson son os primeiros nomes que saen dos seus beizos cando se lle pregunta polos seus autores predilectos.

Caride, nado no municipio de Cea (Ourense), presentará a súa última novela esta tarde na Libraría Alicia de Maceda -de recente apertura- ás 20.00 horas.

-Que se vai atopar o lector en «Terra queimada»?

-É unha novela que conta varias historias separadas por un lapso temporal. Hai unha historia que transcorre no século XIX, hai outra ambientada polo 2006 e moitas outras que se entrecruzan. É unha novela coral tomando como punto de partida unha taberna dunha aldea de montaña.

-De onde saíu a idea desta novela?

-Unha parte saíu do que leo e outra que xa tiña esbozada dun relato breve que escribín fai anos, sobre catro homes que se dedican a comprar e cortar madeira. Son distintas cousas que nun momento dado vin que se podían entrecruzar, a medida que escribía atopei conexións ocultas

-Buscaba facer crítica sobre algúns temas ou é que o relato fluíu así sen máis?

-A morte da cultura rural é unha das cousas que me obsesionan desde neno. Crieime nunha aldea pequena e o tema demográfico, en Ourense e todo o interior de Galicia, é moi grave. Non só porque non haxa xente nova, senón porque desaparece toda unha cultura milenaria, con saberes e oficios, con toponimia e maneiras de ser. Entón hai unha visión do universo que desaparece completamente cando o campo queda abandonado. E os incendios funcionan como metáfora da destrución absoluta, aparte de ser desgraciadamente moi comúns nos veráns.

-Ten unha rutina de escritura ou método de traballo?

-Non. Eu sempre escribo as novelas guiado por un impulso vital. Unha vez rematada esta, a seguinte pode tardar en chegar tres meses como pode tardar tres anos.

-Vostede recibiu xa bastantes premios literarios, supoñen unha presión á hora de escribir?

-As veces os premios dan unha responsabilidade adicional. Sempre son unha satisfacción e unha alegría porque significa que a xente acolleu ben o teu libro. Pero na miña carreira, que pasa dos 30 anos, hai momentos de todo tipo. E non se pode aguantar tanto tempo simplemente pola acollida que teñas. Un ten que ter una esixencia interior que o leve a escribir. Igual que hai momentos de premios, hai momentos nos que ningúen che fai caso, é aí cando tes que buscar a razón en ti mesmo.