O Festival de Folclore Caravan lembrará ó fundador de Queixumes dos Pinos, falecido ós 44 anos

La Voz OURENSE / LA VOZ

SAN CRISTOVO DE CEA

Presentación do Festival Caravan-José Antonio Viñas
Presentación do Festival Caravan-José Antonio Viñas MIGUEL VILLAR

No santuario de Os Gozos descubrirase unha placa en memoria de José Antonio Viñas

13 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

José Antonio Viñas (1977 - 2021) foi un dinamizador da actividade cultural e do mundo do folclore. Vencellado a moitos proxectos e iniciativas, Queixumes dos Pinos foi a súa creación e á fronte da mesma estivo ata que enfermou. O Festival IGF Caravan, que promove a IGF (Unión Mundial de Folclore), homenaxeará a Viñas durante o certame que se celebrará en Ourense esta semana e que incluirá actividades nos concellos de O Pereiro de Aguiar, Nogueira de Ramuín e San Cristovo de Cea. Na cita participarán grupos de todo o Estado, Francia, Israel, Italia e Romanía. O IGF Caravan —que levará o nome de José Antonio Viñas— é un festival de música popular no que participan diferentes países amosando a súa música, o folclore e a cultura tradicional de cada un deles. Ata o de agora se levan desenvolvido seis edicións e as mesmas van rotando polas nacións participantes. O IGF Caravan-José Antonio Viñas celebrarase entre os días 14 e 18. O mércores chegarán os participantes á cidade e, logo de recoller as súas acreditacións, serán aloxados no Hotel Balneario Laias Caldaria. O día 15 haberá unha recepción na Deputación, visita á cidade e actuación na vila termal de Laias —ás sete da tarde—.

O venres os membros dos grupos participantes no festival dedicarán a xornada a visitar os mosteiros de San Pedro de Rocas e Santo Estevo de Ribas de Sil. Logo percorrerán en catamarán o Canón do Sil para coñecer a Ribeira Sacra dende o río.

Placa en Os Gozos

O sábado serán os municipios de O Pereiro de Aguiar e Nogueira de Ramuín os que acollerán as actividades. No santuario de Os Gozos haberá un acto ecuménico celebrado por Yerai Fariñas Calvo —ás oito da tarde— e logo procederase á descuberta dunha placa en memoria de José Antonio Viñas por parte do presidente da Unión Mundial de Folclore (IGF), Dorel Cosma, e as autoridades presentes. Despois actuarán a Asociación Cultural Sons do Miño, a cantante Cristina Eiró e a Real Banda de Gaitas da Deputación. Logo da cea, en Nogueira de Ramuín, está prevista unha actuación dos grupos participantes na praza de Luíntra. O derradeiro día do IGF Caravan-José Antonio Viñas 2023 a actividade trasladarase a Cea, onde os grupos de España, Francia, Israel, Italia e Romanía actuarán ás 20.30 horas. O festival presentouse na Deputación e no acto participaron o vicepresidente Rosendo Fernández; a xefa territorial de Cultura, Sandra Quintas; a presidenta de Queixumes dos Pinos, María Rita Mira; o alcalde en funcións de Cea, José Luis Valladares; e os concelleiros en funcións de Nogueira e O Pereiro, Raúl Soto e Manuel Doval.