«Ao noso local veñen tanto adolescentes coma vellos»

SANDIÁS

Noemí Vázquez xunto a Kepa Junquera, co premio Martín Códax á mellor sala de concertos, e outros colaboradores do local.
Noemí Vázquez xunto a Kepa Junquera, co premio Martín Códax á mellor sala de concertos, e outros colaboradores do local.

O establecemento de Vilar de Santos recibe o premio Martín Codax á mellor sala de concertos de Galicia

03 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Tras unha breve pero intensa traxectoria, un local enmarcado en plena chaira limiá, A Arca da Noe, pode presumir dun recoñecemento vedado aínda para outras salas de postín de urbes galegas, a de ser elexida polos propios músicos como a mellor sala de concertos de Galicia co galardón Martín Códax. Una licenciada en Filoloxía Galega, Noemí Vázquez Nogueira, de 33 anos, é a propietaria dun local que transita a medio camiño entre a tasca rural de toda a vida e a sala para escoitar música de todos os estilos. Cun concepto xeral moi cercano ao de A Corte dos Bois, en Sandiás, A Arca de Noe oferta todo tipo de estilos, aínda que a filosofía é apoiar especialmente a autores ou cantantes galegos.

-¿Cando nace A Arca da Noe?

-Foi en agosto do ano 2014. Dacordo co dono dunha antiga casa do casco vello de Vilar de Santos, a edificación foi remodelada totalmente polo seu dono e sacouna en aluguer para convertela nun local para música e eventos culturais.

-Non cobran aos clientes polos concertos...

-Non. Ese é un concepto que plantexamos dende que comezamos. A nosa pretensión era e é que ao noso local poidan vir tanto adolescentes como vellos. É para todo tipo de persoas. Pensamos que esa mestura e ese intercambio xeracional é moi importante para a vida dun pobo. Promovemos dous concertos cada fin de semana.

-Kepa Junquera, Uxía ou mesmo o gaiteiro ruso Anistratov, ¿Como se logran esas contratacións?

-Con traballo e dedicación. Este proxecto ilusiónanos moito. Eu xa tiña contactos da época en que organizaba o festival Portugués Perto e iso facilita as cousas. As redes sociais, coma Facebook, tamén facilitan un contacto directo cos artistas que antes non era tan doado.

-¿Como recibiu a noticia do premio Martín Códax?

-Cunha enorme ledicia. Foi incrible porque fomos á gala de entrega do premio a semana pasado con moitos clientes e amigos do noso local. Enchemos un autobús enteiro. É unha honra tremenda gañar un premio así por diante de salas de capitais que teñen unha traxectoria moito maior no tempo.

-¿Por que pensa que os propios músicos respaldaron a este local para o recoñecemento?

- Penso que é pola atención e o trato que lles damos aos artistas que veñen aquí. Dende sempre. Iniciamos con Uxía a nosa andaina no seu momento e quedou encantada. A xente ten moito respecto polos músicos e séntense moi valorados e cómodos no noso local

-¿Como festexarán o galardón?

-Este sábado, día 6, vaise gravar un videoclip de Kepa Junquera na Arca, cara as seis do serán. Imos contar con moitos amigos para darlles as grazas polo seu apoio durante este tempo. Máis adiante, o día 21, estará un cantautor moi destacado como é Javier Álvarez.

Noemí vázquez nogueira PROPIETARIA DA ARCA DA NOe