«Traballei moito e inda que tamén chorei, sempre tiven un sorriso»

Cándida Andaluz Corujo
candida andaluz OURENSE / LA VOZ

SANDIÁS

Amalia Gómez, fundadora del restaurante Novaíño
Amalia Gómez, fundadora del restaurante Novaíño Santi M. Amil

Amalia Gómez Manso, fundadora do restaurante Novaíño de Sandiás, recibe este sábado o premio Pedra Alta

25 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

«Amalia é unha persoa que soubo encarnar o espírito combativo, de loita, traballo e esforzo para sacar adiante a unha familia e ó mesmo tempo a unha comarca. É un símbolo, un modelo de conduta, traballo e esforzo para todo un territorio no que a muller tivo un protagonismo especial, quizais máis destacado que noutras zonas, ó ser un territorio tan castigado pola emigración, sobre todo nos anos 60 e 70». Esas foron as palabras que Delfín Caseiro, do padroado do Museo da Limia, esgrimiu para xustificar o premio Pedra Alta que se entrega este sábado

Amalia Gómez Manso, fundadora do restaurante Novaíño, ten 96 anos e inda que xa esta retirada segue acudindo cada día ó restaurante que fundou hai sete décadas en Sandiás e que hoxe rexentan os seus netos. Non é dada a recoñecementos, pero estará presente no acto de hoxe que, ademais de supor unha homenaxe a todas as mulleres do rural da súa idade e época, tamén é unha mostra de agarimo a toda unha familia limiá.

Amalia recorda perfectamente cando abriu a súa primeira tenda de alimentos nos baixos da súa casa en Piñeira. A morte do seu pai cando ela era unha rapaza obrigouna a comezar a traballar cedo e axudar a toda a familia. «Fixen como puiden», afirma. Relata que naqueles anos aínda non chegara a luz á parroquia e víase obrigada a andar cun candil. «Vendía de todo: aceite, viño, azucre, gas... Foime ben porque era moi traballadora», lembra. Grazas a iso puido abrir máis tarde un bar ó lado mesmo da casa e hai 44 anos fundar o restaurante Novaíño, un referente na comarca de A Limia, que hoxe levan José Antonio Novás e Ana Gómez Novás. Un dos segredos do seu éxito e da súa lonxevidade está no sentido que ten da familia. «Sempre estamos xuntos, sempre tiven a xente ó meu lado. Aquí non nos aburrimos. Todos me queren moito e eu a eles», di orgullosa.

Sen embargo, foi unha vida de moito sacrificio que, afirma, nunca deixou que se trasladara ós seus clientes: «Traballei moito e inda que tamén chorei, sempre tiven un sorriso». Segue acudindo cada día ó restaurante. Alí charla coa xente e síntese como na súa casa. No en vano pasou boa parte da súa vida. De ultramarinos a bar e a casa de comidas, Novaíño é hoxe un restaurante para eventos que non perdeu ó longo da súa historia o sabor e o mimo dos negocios familiares. Todo grazas a súa personalidade.

No mesmo acto do premio Pedra Alta a Amalia, procederase á entrega dos carnés de amigos do museo ás persoas que, dun xeito altruísta, colaboran co padroado. Este ano serán para os músicos Luis Humberto Cao e Baldomero Pavón, o artesán Dino Coello e o encargado da laudatio, Sergio Pazos.

O premio consiste nun diploma de recoñecemento e nunha réplica do menhir atopado na Lagoa da Antela, coñecido como Pedra Alta, unha aportación altruísta do escultor limiao Xosé Lois Carreira. O acto de entrega das distincións, aberto a cantos queiran asistir, será na sede do museo e no salón multiusos de Vilar de Santos. A celebración concluirá cun cocido de fraternidade limiá no restaurante Novaíño, de Sandiás, que colabora como patrocinador dos premios.

Amalia non cociñará hoxe, hai tempo que non o fai, pero seguramente estará máis pendente dos comensais que de gozar do propio premio. «Ó principio non sabía se recollelo, pero fágoo pola familia e por todas as mulleres», afirma.